Archives

Xornada sobre o cultivo do té en Galicia

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) lanza un novo ciclo de xornadas en liña gratuítas que se centrarán en 12 oportunidades de negocio que se poden desenvolver no rural galego. As xornadas contarán con relatorios de persoas expertas en cada unha das diferentes áreas. O 8 de febreiro será xornada inaugural, dedicada á produción do té galego e o horario será de 09:30 a 14:30 horas. Contará con relatorios sobre a produción e comercialización do té, así como a súa historia, procedencia e tipos. Tamén se detallarán experiencias produtivas nas illas Azores (Portugal) e en Galicia, ademáis do Plan Estratéxico para comercialización do té de Areeiro. O programa completo da xornada pode conseguirse premendo “Descarga Doc1” . Os obxectivos da iniciativa son explicar as vantaxes e oportunidades do emprendemento cooperativo, especialmente en cooperativas agrarias, de explotación comunitaria e de traballo asociado; promover o coñecemento de novas producións agrarias e gandeiras, en ámbitos agroalimentarios de interese crecente en Galicia, consideradas como oportunidades de negocio, impulsar a xeración de emprego cooperativo nos procesos de produción agraria e/ou gandeira e fomentar a fixación de poboación no rural na contorna das cooperativas. As xornadas, de libre acceso previa inscrición, son de especial interese para persoas socias das cooperativas agroalimentarias, así como para aquelas vinculadas coa economía social. Para inscribirse é necesario completar este formulario. Para máis información pode chamar ao 981 58 47 83. AGACA organiza esta actividade, que se enmarca no programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Degustación en Fitur de té de camelia de Areeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compartiu este xoves unha degustación de té de camelia, unha bebida que se produce a partir das camelias que medran en xardíns da provincia pontevedresa, no stand que Turismo de Galicia ten instalado na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid. Ao acto asistiron deputados do goberno provincial, así como representantes do sector turístico e público xeral que ademais de probar esta infusión 100 % Rías Baixas recibiron explicacións dos beneficios e sobre a elaboración desta infusión. Por outro lado, a Deputación ten a súa propia marca de té ecolóxico. Trátase do Té Areeiro, unha marca coa que a Deputación busca converterse nunha referencia na produción dun té de calidade elaborado na provincia e con produtos ecolóxicos e de proximidade a partir de brotes e follas da variedade de camelia sinensis, que se cultiva nos xardíns da estación fitopatolóxica do Areeiro, na parroquia pontevedresa de Lourizán. Unha iniciativa que supón ademais un paso adiante cara a diversificación e promoción do rural da provincia. No 2023 os xardíns do Areeiro acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e teñen en marcha un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.