Pautas para a correcta conservación do silo de herba
A conservación dos silos de herba é clave para lograr unhas forraxes de calidade. Por iso, tal e como apunta Silvia Rico, veterinaria nutricional da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada na comarca do Deza, é necesario coidar o manexo do silo dende que se realiza ata que se remata.
“O obxectivo do ensilado é conservar a forraxe, sen perder a cantidade de alimento e evitando ó máximo as perdas do valor nutritivo”, explicaba Rico no marco dunhas xornadas para conseguir boas forraxes organizadas pola cooperativa O Rodo, de Rodeiro (Pontevedra). Así, trátase de conseguir un silo cun elevado valor nutritivo, altamente dixerible, debidamente conservado e palatable para o animal.
Para lograr silos de herba de calidade, Rico recomenda evitar a presenza de osíxeno e prestar especial atención ós azucres, xa que son un aliado para a conservación das forraxes.
A veterinaria Silvia Rico durante a súa participación nas xornadas na Cooperativa O Rodo.
Cómpre prestar atención ó frontal dos silos, para evitar perdas de forraxe.
Na produción de ácido láctico non tódalas bacterias presentes no silo resultan igual de eficaces. “A velocidade e a eficiencia do proceso pode variar en función do número e o tipo de bacterias que haxa no silo”, explica a veterinaria. Nos silos tamén pode haber bacterias como E. coli ou Clostridium que son nefastas para a conservación do silo e que poden botar a perder a forraxe.
A presenza de osíxeno, o maior inimigo dos silos
A presenza de osíxeno no silo é un dos maiores inimigos para a conservación da herba. Á hora do ensilado é preciso ter isto xa moi presente e tentar evitar que queden espazos de aire no silo. “Cómpre facer un bo enchido e compactación da herba cando se mete no silo para reducir ó mínimo a presenza de osíxeno. Canto máis pisado vaia o silo menos aire vai quedar e redúcense os riscos”, concreta a veterinaria. Facer unha boa compactación do silo contribúe ademais a reducir ó máximo as perdas de nutrientes en materia seca. Un silo cun frontal ben compactado adoita ter unha perda de nutrientes do 0,3% no primeiro día en que se abre o silo. Porén, se este frontal é moi irregular esta porcentaxe elévase a 1% nun só día de exposición. Ó cuarto día, nos silos moi irregulares esta perda chega a ser do 15%, mentres que nos silos cun frontal compacto, queda nunha perda do 6% cando leva os 4 días aberto.Meter a herba cun grao de humidade axeitado e facer unha boa compactación é fundamental para reducir as perdas de nutrientes dos silosNo momento de facer o ensilado, tamén cómpre ter en conta a humidade da forraxe. “A herba non debe ir nin moi seca nin moi húmida, debe conter arredor dun 30-35% de materia seca”, explica a veterinaria. Con todo, recoñece que hai tendencia a meter moi húmida a herba. “Canto máis húmido se mete o silo máis efluentes vai haber, é dicir, maior perda de líquido, non só auga, senón nutrientes”, explica. Ó mesmo tempo, a auga fai un efecto tampón e evita que baixe a pH. Pola contra, tampouco é recomendable meter a herba moi seca, xa que entra máis aire ó silo e resulta máis difícil a compactación da forraxe. Tan importante coma o ensilado é o manexo que se fai do silo dende que se abre para consumir. “Dende que se abre o silo, hai un punto de contaminación alto no frontal do silo, polo que cómpre tentar reducir ó mínimo os riscos”, valora Rico. A veterinaria recomenda manter un frontal cunha superficie lisa e perpendicular ó solo, xa que deste xeito a superficie exposta é menor. Ademais, aconsella ir retirando a cuberta plástica de xeito paulatino. “Como máximo pode destaparse o plástico do silo que se prevé consumir en 3 días, non máis”, aclara. Tamén se debe consumir tendo unha densidade axeitada. No inverno de media consumiranse uns 15 centímetros e no verán chégase ós 20 centímetros. Ademais, para mellorar a calidade dos silos de herba tamén é recomendable ter ben dimensionado o silo en base ó número de animais e á inxestión de silo por exemplar que se vai facer. Contar cunha boa orientación do silo tamén contribúe a que as inclemencias meteorolóxicas non provoquen perdas.
Os azucres, claves para o silo
Os azucres son a principal fonte de alimento para as bacterias que producen o ácido láctico, que á súa vez é indispensable para a conservación do silo, xa que provoca que o pH baixe e se conserve o ensilado. Así, é fundamental segar a herba para ensilar antes do espigado, xa que é cando máis azucres ten a planta e proporcionará alimento ás bacterias. A veterinaria recorda como os silos feitos no inverno non terminan dando bos resultados, xa que a herba non chega a cumprir o ciclo e non está próxima ó espigado cando se sega, de xeito que case non contén azucres que permitan a produción do ácido láctico e a conservación do silo.“Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”O problema é que á hora de realizar o silo descoñécese que cantidade de bacterias eficaces ou prexudiciais para a conservación da forraxe hai na herba, de aí que se recomende o emprego de inoculantes, que aportan bacterias eficientes na produción de ácido láctico. Evitar a presenza de osíxeno tamén é determinante para conservar a maior cantidade posible de ácido láctico nos silos, xa que o aire favorece un desenvolvemento exponencial de fermentos, fungos ou das bacterias ineficientes, todos eles prexudiciais para a conservación do silo. “Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”, concreta a veterinaria. As variacións de inxesta dunha granxa poden ser un indicador de que o silo, sexa de herba ou de millo, está contaminado e dana ós animais, de maneira que reducen a cantidade de forraxe que comen.