Archives

Navigator, a alternativa estable e fiable para a xestión do teu terreo forestal

Navigator, unha compañía papeleira con factorías en Portugal e España, acumula 70 anos de experiencia na xestión de terreos forestais. En Galicia, Navigator é desde fai un par de décadas un comprador de referencia de madeira de eucalipto e, desde o 2018, ademais aluga e compra terreos forestais aptos para o cultivo de eucalipto. Na actualidade ten xa uns 80 contratos asinados con propietarios e comunidades de montes galegas e asturianas que, en conxunto, roldan ao redor de 1.600 hectáreas.

O responsable do equipo técnico de Navigator en Galicia e Asturias, Óscar Fernández, destaca a versatilidade dos contratos que a empresa lle ofrece a propietarios particulares e comunidades de montes.

Parcela de Navigator nos primeiros anos da plantación.

Duración dos contratos
“Traballamos con tres períodos de duración estándar, 15, 24 e 30 anos, pero é algo que se pode modificar en función das circunstancias”, sinala.

“Se por exemplo, a parcela que nos ofrece un propietario ten un lote de madeira en metade de quenda, podémonos encargar da xestión da parcela ata fin de quenda e de executar a seguinte plantación”, explica Óscar.

En caso de parcelas con madeira a fin de quenda que acorden un alugueiro posterior á curta, Navigator tamén pode ofrecerlle ao propietario a compra da madeira “a bo prezo”. Normalmente, Navigator compra eucalipto en Galicia só a empresas madeireiras subministradoras, pero en casos de contratos de alugueiro, tamén traballa directamente co propietario.

Parcela con árbores adultas.

Fórmulas de pago
As modalidades de pago son flexibles, adaptándose igualmente ás necesidades do propietario ou comunidade de montes. Pode acordarse desde un pago anual a un pago a fin de quenda ou un pago ao comezo, existindo fórmulas mixtas negociables.

“Dependerá sobre todo das necesidades do propietario. Non é igual o caso dunha persoa xubilada que o dunha persoa nova con fillos ou o dun propietario de mediana idade sen responsabilidades” -sinala Óscar Fernández-. “O importante para o propietario é a fiabilidade do que se asina. Navigator ten 70 anos de experiencia en xestión forestal e nunca deixou de investir no bosque, cumprindo sempre todos os seus compromisos. Nese sentido, podemos falar dos acordos que asinamos como plans de pensións asegurados ou como herdanzas aseguradas”, opina.

Equipo técnico de Navigator para Galicia e Asturias.

Características das parcelas e xestión
As parcelas que Navigator aluga ou compra en Galicia e Asturias teñen que ser aptas a nivel legal para a plantación de eucalipto. A empresa pide unha parcela mínima de 3 hectáreas, aínda que se un propietario alcanza esa superficie coa suma de dúas parcelas próximas, tamén é posible o acordo.

Nestes momentos, Navigator ten uns 80 contratos asinados en Galicia e Asturias, incluíndo os que xa asinou este ano recentemente en Asturias. En conxunto, achéganse a 1.600 hectáreas de terreo. No caso de Galicia, en volume de superficie xestionada, destacan concellos como Cervo, Abadín ou Vilalba, na provincia de Lugo, ou Rois, Vimianzo, As Pontes ou Negreira, na provincia da Coruña.

Antes de facer unha oferta polo alugueiro ou compra da parcela, o equipo técnico de Navigator encárgase de realizar un completo anteproxecto da plantación, que inclúe análise e caracterización de solos e elección das especies máis adecuadas. Navigator traballa cun portfolio de plantas que inclúe clons de eucalipto globulus -que garanten un aumento de rendibilidade de ata un 40% en relación a unha planta de semente non mellorada-, eucalipto nitens e híbridos.

Contamos co mellor material xenético, adaptado a distintos riscos, como fungos, pragas ou temperaturas altas, para que a plantación sexa segura e cos menores riscos”, subliña Óscar Fernández.

Nesa tarefa do proxecto de plantación, Navigator ten a asesoría do Instituto Raíz, o centro de maior prestixio en Europa na mellora xenética do eucalipto.

Tras a plantación, a empresa encárgase da súa xestión durante todo o ciclo. Así, están previstos 1 ou 2 abonados de mantemento -ademais do inicial-, así como periódicas rozas cando é preciso, para garantir a maior produtividade para o cultivo. “O propietario despreocúpase, pois a xestión da plantación faise de forma profesional”, resume Óscar.

O equipo técnico de Navigator en Galicia conta con persoal cualificado con moitos anos de experiencia e integramente galego.

Sobre Navigator

Paquete de folios Navigator.

Navigator é a compañía papeleira líder na Península Ibérica. Conta con cinco factorías, catro delas en Portugal e outra en Zaragoza (España). O seu negocio oriéntase tanto ao papel de impresión e de oficina como ao papel tisú (papel hixiénico e de cociña). En Galicia e no resto de España, a empresa é coñecida sobre todo polo seu popular papel de oficina, pois os paquetes de folios de Navigator forman parte da vida cotiá de varias xeracións.

Híbridos de eucalipto, unha tendencia de futuro para o monte galego?

O aumento de temperaturas derivado do cambio climático está a cambiar o escenario de xogo no monte galego. É unha situación que pode xerar maior afección de pragas e enfermidades, a parte dun maior estrés hídrico. Para encarar tal escenario, a liña de traballo máis importante pasa pola mellora xenética das principais especies produtivas. No caso do eucalipto, unha tendencia de mellora na que están a traballar as compañías pasteiras líderes na Península é a dos eucaliptos híbridos. A hibridación consiste en combinar dúas especies nunha única planta co obxectivo de beneficiarse de vantaxes adaptativas. É por exemplo a solución que se atopou no seu día no castiñeiro para reducir o impacto da enfermidade da tinta, que diezmou os soutos galegos nos séculos XVIII e XIX. A partir dos anos 40 do pasado século, co Centro de Investigación Forestal de Lourizán como protagonista, optouse pola combinación nun híbrido do castiñeiro europeo (‘Castanea sativa’) co castiñeiro xaponés (‘Castanea creata’), que era resistente á tinta, lográndose así a resistencia dos novos pés á tinta. En eucalipto, Galicia encarou ata o de agora os principais retos cunha adaptación de especies e procedencias. Cando a praga do gorgullo se convertiu nun problema serio, popularizouse progresivamente o eucalipto nitens, que tiña menor defoliación. E nos últimos anos, cando o nitens se viu afectado de cheo nalgunhas comarcas por enfermidades fúnxicas, como a ‘Mycosphaerella’, a selección dos viveiros orientouse a plantas de nitens con procedencias que presentan resistencias a esta enfermidade. É unha liña de traballo que polo de agora está a dar resultado e na que confían tanto os principais viveiros como as empresas pasteiras. Con todo, de cara ó futuro, as compañías pasteiras valoran a opción dos híbridos en Galicia como unha solución fronte ós novos desafíos. Nalgúns dos países que son referentes mundiais na produción de eucalipto, como Chile ou Brasil, os híbridos de eucalipto están xa plenamente popularizados. No caso chileno, cos glonis, combinación de eucalipto globulus e nitens, e en Brasil co urograndis, combinación do eucalipto urophylla e do eucalipto grandis. “En Chile, pola súa característica montañosa, buscouse un híbrido que combinase as boas características industriais do eucalipto globulus coa resistencia ó frío do nitens. O gloni hoxe en día é un híbrido extendido que empregan as principais compañías pasteiras do país” -repasa Federico Ruiz, responsable de I+D Forestal de Ence-. “Unha situación similar dáse en Brasil co eucalipto urograndis, que supuxo un avance en resistencia a enfermidades, produtividade e densidade da madeira. O caso do urograndis é singular porque descubriuse por medio dunha hibridación natural que se detectou nun arboreto”, apunta Ruiz. O experto sinala así como a hibridación de eucaliptos que proban as compañías pasteiras imita a un proceso que xa se dá na práctica na natureza. “En Galicia, en monte podemos atopar eucaliptos híbridos, resultado dunha hibridación natural entre distintas especies de eucalipto, que temos tanto en arboretos como en plantacións”, apunta. I+D Forestal Poden ser os eucaliptos híbridos unha solución para os retos da especie en Galicia?. O desafío que encaran as plantacións de eucalipto en Galicia sitúao Ruiz no aumento de temperaturas, acompañado de humidade. “Pasaremos dun clima tépedo – frío a un clima tépedo – subtropical, con máis pragas e enfermidades”, pronostica. Ante esa perspectiva, Ruiz apunta que un híbrido que podería ter potencial en Galicia é unha combinación do eucalipto urophylla con globulus ou nitens. “O urophylla é o eucalipto que presenta en xeral unha maior resistencia a enfermidades”. Outra especie á que lle ve interese para hibridación é ó eucalipto saligna, pois é o que presenta menor apetencia para a praga do gorgullo do eucalipto. Polo de agora, Ence non ten ningún híbrido operativo en plantacións forestais, se ben a lusa Navigator xa está a manexar tres clons híbridos nas súas plantacións en Galicia e en Portugal. Un dos híbridos que está a empregar é unha combinación de E. saligna x E rudis, o clon H1205, que se caracteriza pola súa escasa susceptibilidade á praga do gorgullo. Tanto en Portugal como en Galicia úsase en zonas con risco forte ou moi forte de ataque do gorgullo, substituíndo neses casos ó eucalipto globulus. Navigator tamén traballa con híbridos de E. nitens x E. globulus e está a probar igualmente clons doutras especies, pois considera que a medio prazo poden achegar solucións para complementar o uso xeneralizado de E. nitens, así como para diversificar as plantacións forestais en termos xenéticos e de resiliencia. A empresa lusa ten unha ducia de ensaios ou pequenas plantacións experimentais en marcha en Galicia e Asturias, coa esperanza de identificar outras solucións xenéticas interesantes e operativamente utilizables, aínda que admite que E. nitens debería ser a especie principal nestes contextos, do mesmo xeito que E. globulus é crave en Portugal.