Desenvolvemento rural

Dúas propostas de xestión territorial gañan os Premios Rafael Crecente

Marta Gómez Fandiño e Akaitz Sarasola Mugertza foron os dous galardoados polos seus proxectos innovadores vinculados co desenvolvemento rural e a mellora da produción agraria

Campo Galego 01/12/2023 10:47 a.m.

A candidatura gañadora dos VI Premios Rafael Crecente foi a presentada pola doutora e enxeñeira agrónoma lucense Marta Gómez Fandiño. Esta proposta abordou un estudo sobre a recuperación de terras agrarias de Galicia a través das denominadas ‘Aldeas Modelo’. Pola súa banda, o investigador vasco Akaitz Sarasola Mugertza, ligado á Fundación José Miguel de Barandiaran, gañou o segundo galardón pola súa iniciativa de recuperación dunha hectárea de superficie de castañal de Koate, en Lizartza (Guipúzcoa).

[caption id="attachment_214971" align="aligncenter" width="1200"] Premiados nos VI Premios Rafael Crecente. Foto de LaboraTE[/caption]

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemeto Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) celebraron a sexta edición destes galardóns, que se crearon en memoria do profesor e investigador na sede universitaria luguesa Rafael Crecente Maseda.

O acto estivo presidido polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López. Tamén participaron o director do Ibader, Pablo Ramil Rego; a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, así como o deputado provincial delegado da área de Participación Cidadá, Iván Castro. A cerimonia serviu para lembrar a figura e o legado de Rafael Crecente como precursor e referente no ámbito da xestión territorial de Galicia.

A proposta de Gómez Fandiño recibiu un premio dotado cunha gratificación económica de 2.000 euros. Destaca por responder aos criterios establecidos nas bases dun certame que naceu co obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible. A estes criterios tamén se axustou a iniciativa de Sarasola Mugertza, que recibiu o segundo galardón dotado con 1.000 euros. Así mesmo, o xurado tamén outorgou un accésit a Vanessa Miramontes Viña pola proposta ‘Emprendemento e enerxías renovables: as comunidades de enerxías renovables como base dun desenvolvemento rural sustentable’.

[caption id="attachment_214974" align="aligncenter" width="1200"] Relatorio impartido por Antonio Turiel. Foto de LaboraTE[/caption]

Durante a sesión de entrega dos premios, as persoas asistentes desfrutaron do relatorio ‘O futuro da enerxía’, a cargo do doutor en Física Teórica pola Universidade Autónoma de Madrid, divulgador e investigador científico no Instituto de Ciencias del Mar do CSIC, Antonio Turiel. No acto, o director do Ibader lanzou xa a apertura da próxima edición dos Premios Rafael Crecente.

Etiquetado
Ir a la portada