Demostracións de maquinaria forestal en Galiforest

O certame contará tamén cun concurso de innovación tecnolóxica, ó que se presentaron 13 candidaturas

Demostracións de maquinaria forestal en Galiforest

Demostración de maquinaria nunha edición anterior de Galiforest.

A feira Galiforest, que se desenvolverá do xoves 30 de xuño ó sábado 2 de xullo en Sergude (Boqueixón), contará con máis de 180 demostracións de maquinaria, tanto no monte anexo á feira como nas parcelas expositivas de cada empresa.

As demostracións inclúen procesadoras forestais e de leña, autocargadores, colleitadoras de biomasa con cabeza procesadora, centro de corte e fendido de leñas, aserradoiros portátiles, trituradoras ou destoconadoras, entre outra maquinaria.

Asimesmo, desenvolveranse demostracións de sistemas de trepa á árbore, poda en altura, manexo de motoserra, simuladores de maquinaria forestal ou preparación de estacas de castaño, entre outras tarefas forestais.

As demostracións, segundo informa a organización da feira, serán a cargo de empresas como Aroz Berri, Forestcorte Máquinas, Honda/Echo, Arbogal, Hitraf, Husqvarna, Internaco, J.J.E. Hernández – Hersan Wood-Mizer España, Logosol-Timber Tools, Millasur, Pinosa, Seppi M. Península Ibérica, Serrat Trituradoras, Stihl e Log Max Iberia.

A realización das demostracións de maquinaria nun entorno real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece a feira, tanto para os expositores como para os visitantes profesionais.

As distintas marcas programaron ademais actividades paralelas, como talleres ou competicións. Así, Husqvarna fará talleres de afilado e corte seguro con motoserra, en tanto Honda/Echo e Stihl farán figurismo, é dicir esculturas de madeira con motoserra, así como diversos concursos e demostracións.

Pódese consultar neste Pdf o programa completo de actividades de Galiforest.

Certame de innovación forestal

Galiforest contará tamén co seu tradicionalConcurso de Innovación Tecnolóxica, que distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións. Búscase así contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal.

Nesta edición valoraranse 13 innovacións, dúas máis que na súa a última cita, entre as que figuran unha trituradora de fresado de chan e cepas ou raíces cun sistema de corte e fixación único no mercado, unha abonadora autopropulsada cuxo proceso de esparexemento está controlado mediante GPS, para mapear a superficie e regular o material dispensado, unha taladora deseñada para calquera especie que tala ata 50 centímetros de diámetro con sistema de cizalla, unha solución intelixente que permite controlar o progreso da explotación forestal en tempo real, unha caldeira de gasificación de leña compacta con pantalla táctil e monitorización da instalación vía App ou Pc e o único colector solar plano de baleiro do mercado.

Tamén entran no certame un sistema de aforro para produción de biomasa composto pola combinación de triturado primario e criba de sinfíns, unha procesadora semiautomática de troncos que corta, racha e extrae a leña a través dun tapete volante e que completa o proceso en seis segundos de media, un serradoiro que permite cortar troncos dunha lonxitude de ata 2,7 metros e diámetros de ata 135 centímetros, un método de extracción de resina para mellorar a produtividade das masas de piñeiro, o primeiro Eucalipto Niten con mellora xenética resistente ao fungo Mycosphaerella e dúas motoserras, unha delas conta coa batería máis potente do mercado e outra é a primeira a nivel mundial con pistón de magnesio, tecnoloxía xa utilizada na Fórmula 1 que reduce peso e aumenta rendemento.

O xurado de expertos que as valorará terá en conta as melloras significativas que aportan, así como cuestión como os materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.

O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2022 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 30 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información