A cooperativa de segundo grao Delagro, formada por entidades de Galicia, Asturias e Cantabria, organiza este xoves en Los Tanagos, en Cantabria, unha xornada técnica sobre produción de forraxes na cornixa cantábrica.
A xornada formativa, dirixida a veterinarios e técnicos agronómicos en nutrición e produción vexetal de empresas e cooperativas, abordará os distintos inputs e variables que inflúen na calidade das forraxes para vacún de leite e de carne. Así, distintos técnicos e especialistas falarán de diferentes aspectos relacionados coa produción e conservación das ensilaxes, así como co abonado e a conservación dos chans.
Arrincará os relatorios Henrique Teixeira, xefe de mercado de híbridos para o norte de España da empresa Mas Seeds, falando dos retos do millo diante do cambio climático. Gustavo García, xefe de produto de millo e especies forraxeiras en LG, disertará a continuación sobre dietas saudables para a vaca e rendibles para o agricultor. Tras el, José Antonio Manzano, xefe do programa de seguridade alimentaria en Trow Nutrition, entrará en profundidade sobre a calidade microbiolóxica das ensilaxes, os principais patógenos que poden aparecer e o funcionamento dos ácidos orgánicos.
A segunda parte da xornada versará sobre a influencia da fertilización sobre a calidade nutritiva de pastos e forraxes, a cargo de Luís Ángel López Fernández, director agronómico en Yara Iberian; sobre a biotecnoloxía para a cadea de valor, coa explicación de Agustín Murillo, manager de vendas para a península de Alltech; e da importancia da saúde do chan e de como afectan os microorganismos no rendemento dos cultivos, que abordará Alexia Stellfeldt, directora de proxectos de Ideagro.
A explicación de David Martín, director xerente de Efecto Soluciones sobre a siambasa como alternativa forraxeira pechará a xornada, que se celebrará en horario de mañá (de 10 a 14:30 horas) no restaurante La Casa Azul, situado na saída 269 da autovía A8.
As prazas para asistir son limitadas e a inscrición pode realizarse a través do seguinte enlace.