Curtis acollerá unha planta biotecnolóxica de extracción de proteínas vexetais

O Consello da Xunta declara o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, a fin de axilizar os trámites para a súa implantación. A empresa ‘In proteins for all’ prevé un investimento de 16,9 millóns de euros e emprego directo para un mínimo de 25 persoas

Curtis acollerá unha planta biotecnolóxica de extracción de proteínas vexetais

A soia é un dos vexetais que logra maiores aportes de proteína. / Arquivo.

A empresa ‘In proteins for all’, unha start up creada no 2022, proxecta construír en Curtis unha planta biotecnolóxica para a extracción e transformación de proteína vexetal. A iniciativa oriéntase ao suministro de ingredientes á industria alimentaria e empregará como materia prima sementes de leguminosas e fariñas de legumes. O Consello da Xunta vén de declarar a iniciativa como prioritaria, a fin de axilizar trámites para a súa posta en marcha.

O proxecto prevé un investimento de 16,9 millóns de euros e emprego directo como mínimo a 25 persoas, segundo anunciou hoxe a Xunta. A Administración indica que a industria desenvolverá un sistema de produción híbrido, onde se combina a extracción seca de proteínas concentradas ao 50 % a partir de sementes ou fariñas de legumes e un procedemento húmido posterior para transformar esas proteínas concentradas en proteínas illadas e purificadas e en proteínas funcionais.

Ademais, impulsarase unha liña de amidóns con diversas aplicacións na industria alimentaria, como a obtención de produtos de panadería ou pastas.

Se ben a Xunta non informou sobre a materia prima coa que traballará a planta, é previsible que se suministre de vexetais importados, ben soia, ben outras leguminosas que poidan entrar polo porto da Coruña.

A promotora pretende, con esta iniciativa, construir a primeira planta integral de produción de proteínas vexetais en España, para fornecer de forma global produtos e ingredientes de orixe vexetal de alta calidade e sustentables a toda a industria agroalimentaria.

O Consello da Xunta sinala que os promotores xa puxeron en marcha unha empresa biotecnolóxica de éxito en Estados Unidos, polo que o Goberno galego confía na iniciativa. Unha das administradoras de ‘In protein for all’ é Ana Rosa Caamaño Vara, que é a súa vez directiva de Cleariver Ventures, unha sociedade de capital risco orientada a investir na industria biotecnolóxica de proteínas vexetais.

Con anterioridade a isto, no seu periplo laboral, Caamaño traballou nunha das grandes industrias internacionais especializadas en proteína vexetal, Kerry, unha firma irlandesa que naceu como cooperativa láctea e que hoxe xestiona dúas liñas de negocio principais, a láctea e outra de proteínas vexetais.

En Curtis convén lembrar que opera xa Inleit, unha industria orientada á extracción de proteína láctea, co que a posta en marcha da planta de ‘In protein for all’ convertirá ao polígono de Teixeiro nun dos principais polos da proteína alimentaria en España.

De cara ó futuro, a planta de proteína vexetal complementarase ademais cun centro de innovación, para optimizar procesos produtivos e impulsar tecnoloxías innovadoras para a alimentación e a saúde, segundo sinala a Xunta en nota de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información