Cursos de fruticultura e apicultura en San Sadurniño

As actividades formativas están centradas no correcto manexo de froiteiras neste tempo e no coidado avanzado das abellas. Ademais, esta semana inicianse as xornadas ‘Apostando polo Sector Primario’

Publicidade
Cursos de fruticultura e apicultura en San Sadurniño

Os dous cursos están centrados na apicultura e na fruticultura

O Concello de San Sadurniño, en colaboración coa Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume e a Asociación Casa do Mel, ofertará a partir do 30 de abril un curso de formación técnica centrado nas labores necesarias neste período ás árbores froiteiras, e outro focalizado no coidado avanzado das abellas. A súa asistencia require de inscrición a través do 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Por outra parte, esta semana arrancan as xornadas ‘Apostando polo Sector Primario’, como parte das actividades formativas que rodean a Feira de Plantación, e onde se abordarán as posibilidades económicas do rural. Ademais, o vindeiro luns publicarase a primeira convocatoria do plan de capacitación técnica para poder utilizar o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, situado en Moeche.

‘Perfeccionamento no manexo das abellas’

Esta formación terá lugar en cinco xornadas diferentes repartidas entre o 30 de abril, e o 1,7,8 e 19 de maio. Nelas, o enxeñeiro Iago Vilela abordará cuestións moi concretas sobre o coidado e reprodución das abellas. Trataranse temas como a sanidade apícola, probas de selección, cría de raíñas e formación de núcleos.

A formación teórica impartirase na Casa da Xuventude, mentres que as prácticas faranse no apiario da Cortiña, en horario de 9:00 a 13:00 os catro primeiros días, mentres que o último -o 19 de maio- trasladarase á Casa do Mel de Goente con horario de 16:00 a 20:00h.

A data límite para apuntarse é o 27 de abril ás 14.00h.Terán prioridade as veciñas e veciños de San Sadurniño e persoas asociadas á Casa do Mel. En ambos casos o obradoiro ten un prezo de 20€, mentres que o prezo para o resto de inscricións será de 40€. É necesario xuntar un grupo de 10 persoas como mínimo e de 20 como máximo.

‘Iniciación á fruticultura’

Esta cita formativa celebrarase entre o 21 e 28 de maio, e o 4 e 11 de xuño, co horario de 9.00h a 14.00h. O enxeñeiro técnico agrícola e especialista en fruticultura Luís Quinteiro encargarase de impartir este curso da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras.

A actividade abordará a analítica e fertilización do chan, os tipos de poda, o control de pragas e enfermidades por medios convencionais e ecolóxicos, a aplicación de produtos fitosanitarios e os tipos de enxertado.

A teoría darase na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos. O curso ten un prezo de 30€ para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA; para o resto, 60€. O número de prazas está limitado a 20 e o prazo de inscrición está aberto ata o 18 de maio ás 14:00h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información