A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza no municipio lugués de Muras unha acción formativa de perfeccionamento da apicultura. O curso terá lugar os días 5, 6, 7 e 19 de agosto na Casa do Concello e no apiario didáctico desta localidade, en horario de mañá, das 9:00 horas ás 14:00 horas.
O programa contén catro bloques de contido: unhas probas de selección, que abordarán diferentes destrezas como poden ser a limpeza e a produtividade no traballo apícola, e tres bloques formativos. Estes consisten en formación acerca da sanidade apícola, así coma nocións en cría de abellas raíña.
O obxectivo que se pretende con esta formación é adaptar aos apicultores aos novos manexos para obter un maior rendemento das explotacións. Ademais, tamén se procura espertar a curiosidade da xente nova no relativo a este eido, para posibilitar así un relevo xeracional nesta profesión.
Nesta páxina exponse a información referida ao curso, e mesmo se pode facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, está habilitado o teléfono 982 82 89 54, ou o correo maria.carmen.rego.martinez@xunta.es.