A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) organiza o ciclo formativo de carácter gratuíto ‘A economía social e a modernización do sector agroalimentario: certificacións de calidade e medioambientais’. Este curso busca promover as oportunidades que a economía social e a implantación destas certificacións supoñen para modernizar as explotacións agroalimentarias. Comezará o vindeiro día 19 e as persoas interesadas poden realizar a inscrición na web da asociación organizadora.
Os contidos abordaranse en 70 horas lectivas estruturadas en tres unidades didácticas: ‘Cooperativismo no sector primario’, ‘Certificacións de calidade’ (ISO, GLOBALG.A.P., BRC/IFS e certificacións de vacún de leite) e ‘Certificacións ambientais’ (ISO, análises de ciclo de vida, pegada de carbono e pegada hídrica). Cúrsase mediante unha plataforma de formación á que o alumnado pode acceder 24 horas. As persoas inscritas terán un mes para completar os módulos e aprobar os exames, e así obter o diploma.
Este curso enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Emprego para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.