Curso en Guísamo sobre talla, tronzado e decotado de árbores e mantemento de motoserra

Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, está previsto que a actividade comece o vindeiro venres

Publicidade
Curso en Guísamo sobre talla, tronzado e decotado de árbores e mantemento de motoserra

Un motoserrista facendo labores de talla sobre un piñeiro

Data inicio: 10/09/2021
Data fin: 18/09/2021
Lugar: Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organiza esta semana, no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, un curso sobre técnicas básicas de talla, tronzado e demoucado de árbores, así como de mantemento de motoserra. Está previsto que esta actividade se desenvolva entre o vindeiro venres 10 de setembro e o sábado 18.

Os obxectivos fixados para esta acción formativa son incrementar a seguridade e a saúde dos usuarios de motoserra, dignificar e profesionalizar o sector forestal apostando pola aprendizaxe continua, favorecer a mobilidade dos traballadores forestais a nivel europeo e, nese contexto, estandarizar as cualificacións profesionais vinculadas coa motoserra.

Deste xeito, o programa contempla contidos sobre como previr os riscos xerais nos traballos forestais, sobre a motoserra e o seu manexo, sobre a talla e decotado de árbores, así como sobre a medición, tronzado e amoreado dos pés. A maiores, falarase do emprego do tráctel en operacións especiais de talla, sobre situacións de risco como as árbores apoiadas noutras ou as zonas de corta con presenza de liñas eléctricas de alta tensión e sobre as cuestións a ter en conta á hora de efectuar o mantemento das motoserras. 

Cómpre apuntar que este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Nesta ligazón pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico vicente.manso.fuentefria@xuntal.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional poñéndose en contacto co coordinador do curso no teléfono 881881047.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información