Curso en Bergondo sobre técnicas avanzadas de corta, tronzado e decotado de árbores

A formación, que terá unha duración total de 26 horas, arrancará no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo o próximo venres 4 de novembro

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar en Bergondo un curso sobre técnicas avanzadas de corta, tronzado e decotado de árbores, así como de mantemento de motoserra. Impartirase no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo ao longo de 26 horas distribuídas nos próximos días 4, 5, 11 e 12 de novembro.

Os obxectivos da iniciativa son incrementar a seguridade e a saúde dos usuarios de motoserras, dignificar e profesionalizar o sector forestal, favorecer a mobilidade dos traballadores forestais por toda Europa, estandarizar a nivel comunitario as cualificacións profesionais vinculadas coa motoserra e fomentar e promover a aprendizaxe permanente e o desenvolvemento profesional continuo. Nesa liña, o programa inclúe nocións sobre os riscos xerais nos traballos forestais, sobre a motoserra e o seu mantemento, e sobre labores como as medicións, os decotados e as cortas, contemplando mesmo situacións nas que cómpre empregar o tráctel.

Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

A inscrición pode realizarse na seguinte ligazón: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043, ou enviarse un correo a cfa.guisamo@edu.xunta.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información