O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos organiza na primeira semana de xullo un curso de reprodución apícola. A formación, que inclúe unha parte máis teórica e outra práctica, coa visita á explotación dun apicultor profesional que se adica á cría de raíñas, ten unha duración de 20 horas.
As clases serán impartidas en horario de tarde, de 16 a 21 horas, nas instalacións do CFEA de Monforte (Rúa Alfredo Brañas). O curso terá lugar os días 3, 4 ,5 e 6 de xullo, con posibilidade de algún cambio nas datas e horarios, que serán comunicadas con antelación aos participantes.
Para inscribirse, hai que facelo a través da páxina foagro.xunta.gal e o código do curso é o FC2023F127043. A data límite para apuntarse é o venres 30 de xuño. Para poder ser seleccionados é imprescindible ter explotación apícola dada de alta.
Para inscribirse é necesario ter unha explotación apícola dada de alta no REGA
O curso está orientado a apicultores que conten xa con algo de experiencia e que polo menos teñan un curso de iniciación á apicultura feito previamente e que queiran iniciarse na cría de raíñas como método de reprodución para a creación de novos núcleos e para a mellora da selección xenética das colonias existentes nun colmear.
Pode obterse máis información sobre o curso no teléfono 982889103 ou escribindo un email a cesar.crespo.vazquez@xunta.gal.