Como limpar o cerón das colmeas?

Artigo de Encarna Garrido, veterinaria responsable da área de apicultura de BIOPYC, que participou en Porriño nas Xornadas Técnicas de Apicultura organizadas pola Agrupación Apícola e Galicia.

Como limpar o cerón das colmeas?

Encarna Garrido, á dereita, e Esther Ordóñez, á esquerda, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia.

Na actualidade, as colmeas máis utilizadas denomínanse movilistas(de crecemento vertical ou horizontal) porque están provistas de paneis móbiles ou cadros, que se poden separar tanto para a recolección do mel coma para a limpeza ou tratamentos. A utilización de láminas de cera estampada sobre estes cadros é unha práctica habitual na apicultura contemporánea xa que supón un aforro enerxético para a colonia que poderá investir noutras tarefas como a recolección e/ou a produción.

Estas láminas de cera colócanse no interior da colmea e despois de ser estiradas polas abellas obreiras, actuarán como aloxamento da descendencia da colonia (“berce da cría”), así como de almacén dos alimentos que serán utilizados tanto polas propias abellas coma por nós mesmos. Unha vez que a cera é usada por varias xeracións, vai envellecendo e estariamos a falar de cerón. Estes paneis vellos son renovados polos apicultores anualmente nunha porcentaxe variable que pode oscilar do 20 ao 30%.

O recambio da cera é fundamental para o bo estado sanitario da colmea

O recambio de cera é unha práctica de manexo sanitario fundamental do apicultor para o bo funcionamento da colonia, principalmente polas consecuencias que poden ter sobre a cría e o alimento: a acumulación de restos de mudas da cría de abella, os residuos químicos e as formas de resistencia de microorganismos patóxenos que se aloxan de forma habitual nesta matriz.

Os residuos químicos proveñen fundamentalmente dos tratamentos usados fronte a Varroa destrutor e dos produtos fitosanitarios que se empregan sobre a flora que rodea á alvariza. Se ben a maioría destes compostos se aplica baixo as fórmulas comerciais, en moitos casos os apicultores utilizaron os mesmos principios activos dun modo artesanal, con dose e duracións do tratamento non supervisadas por un veterinario.

Como consecuencia, estes tratamentos ademais de resultar ineficaces fronte a Varroa destrutor, deixan residuos nos produtos da colmea fundamentalmente na cera onde se almacenan con máis facilidade debido á súa natureza lipofílica. Todo iso contribúe á necesidade non só do recambio desta cera senón tamén á limpeza desta.

Esta foi unha das necesidades detectadas por BIOPYC. SOLUCIONES APÍCOLAS, unha empresa dinámica que cre na mellora continua e traballa para solucionar os problemas do apicultor, facilitando deste modo o exercicio da súa actividade.

O contacto continuo e directo con todos os integrantes do sector apícola: apicultores, técnicos, veterinarios, empresarios apícolas, investigadores, etc., tanto a nivel nacional como internacional permitiu a esta empresa encontrar un servizo de limpeza do cerón que nos últimos anos estaban a demandar insistentemente os apicultores.

Servizo de limpeza do cerón

O servizo de limpeza de cerón que se ofrece dende BIOPYC. SOLUCIÓNS APÍCOLAS lévase a cabo na Baixa Saxonia (Alemaña) da man de Andreas Müller, Director Xeral da empresa que leva o seu mesmo nome e un dos maiores provedores das empresas apícolas.

O servizo consta basicamente dos seguintes puntos:
1) Lotes mínimos de cerón de 500 Kg
2) Custos do servizo:
Transporte
Limpeza de acaricidas
Laminación
3) Punto de recollida común e único
4) Recollida: en bloques regulares paletizados
5) Devolución: en bloques rectangulares regulares ou láminas
6) Tempo do servizo: 3 semanas aprox. (incluíndo transporte)
7) Perdas no proceso:
Residuos sólidos que non son cera (devolveranse xunto á cera procesada)
Minguas propias do proceso de limpeza (10%)
8) Límites mínimos de limpeza de acaricidas (Certificado Universidade Hohemheim, Stuttgart):
Coumaphos: 80 %
Tau – Fluvalinate: 20 %
Amitraz e os seus metabolitos: 80%
Outros: a Determinar a súa presenza e límites.

O proceso de limpeza do cerón que utiliza Andreas Müller, é un proceso desenvolvido e patentado por Bayer, en concreto polo Dr. Dieter Ulrich (experto en tratamentos de sólidos e tecnoloxía de augas residuais en BAYER SERVIZOS TECNOLÓXICOS) que aplicou a súa experiencia en separación sólido-líquido para este fin.

Se ben se trata dun proceso moito máis complexo e longo, as bases fundamentais son as que se detallan a continuación:
1. Fundir cerón
2. Adición de carbono activado á cera líquida
3. Produción dunha mestura homoxénea
4. Repouso (de 30 a 90 min)
5. Filtro a presión (4 a 6 bar).

Os puntos críticos do devandito proceso e que constituíron o gran desafío para o Dr. Dieter Ulrich e Andreas Müller, son esencialmente o tipo de carbono activado empregado procedente dunha rexión concreta de Irlanda e o sistema de filtración e presión utilizada para eliminar o po de carbono a partir da cera líquida.

Cera limpa para volver a ser utilizada

Cera estampada.

Cera estampada.

Como se comentou anteriormente, trátase dun proceso moito máis longo e complexo, pero que ofrece ao apicultor a posibilidade de recuperar unha cera limpa, cunha baixa carga de residuos químicos que poida chegar a comprometer o desenvolvemento das colonias de abellas.

A detección desta necesidade e doutras moitas que ten o apicultor nos seus labores cotiáns, dende o instante no que sae ao campo para traballar coas súas abellas ata o momento no que quere posicionar os seus produtos no mercado internacional, fixo que BIOPYC. SOLUCIÓNS APÍCOLAS apostase por un sector que en ocasións se sentiu esquecido e marxinado dentro da gandaría nacional.

Co propósito de que a apicultura chegue a consolidarse como unha actividade agropecuaria á altura das demais, a empresa aragonesa apostou polo investimento nun amplo catálogo de produtos e servizos que intenta dar cobertura a todas as peticións do apicultor, entre elas o servizo da limpeza do cerón que se detallou neste artigo.

Encarna Garrido Bailón

Responsable técnico comercial BIOPYC. SOLUCIÓNS APÍCOLAS

Doutora en Ciencias Veterinarias (DVM, PhD) especialidade Sanidade Apícola.

XIV Premio Nacional de Investigación "FRANCISCO FERNÁNDEZLÓPEZ" 2012 en Sanidade Animal.

Experiencia investigadora en centros nacionais e estranxeiros

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información