Enténdese como cicloxénese explosiva a aquela situación que se caracteriza por ser un fenómeno meteorolóxico que, polos seus efectos destrutivos, produce importantes danos a consecuencia dos ventos e choivas intensas e fortes, como sucede cando afecta ós terreos forestais. A súa repercusión é parecida ás ocasionadas por un ciclón tropical.
A ‘cicloxénese’ á que me vou a referir non ten unha orixe natural, senón que é consecuencia da situación socioeconómica na cal se vai atopar o monte galego.
Por iso, é urxente a elaboración dun Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia que englobe a planificación sectorial e territorial de maneira efectiva. O obxectivo é ter instrumentos para activar iniciativas e frear a conflitividade xerada polo abandono, consecuencia do despoboamento.
A nova PAC para o período 2021-2027 vertébrarase nun proceso de innovación, resiliencia, loita contra o cambio climático e mantemento de actividade no rural, pois un dos seus focos pasa por aumentar os apoios a pequenos e medianos titulares.
Observacións sobre o monte en Galicia
As observacións máis significativas da foresta galega que reflicte o Plan Nacional de Observación do Territorio (PNOT) a día de hoxe son:
– Non existe planificación na xestión do territorio. A superficie forestal na costa é un monocultivo ao servizo dun oligopolio industrial, a zona central presenta unha alta conflitividade e inseguridade que desincentiva calquera tipo de actuación, consecuencia da situación lexislativa. Por último, a zona de montaña oriental e suroriental vén determinada polo abandono, con amplas superficies de propiedade colectiva sen utilización ocupadas pola matogueira, foco de importantes incendios forestais.
– A desaparición da industria forestal de economía local e comarcal.
– Os conflitos, entre gandeiros e propietarios forestais, como tamén entre a sociedade urbán e a rural. Esta situación maniféstase notoriamente nos montes veciñais, que actualmente son considerados como solos rústicos de especial protección forestal, como tamén en relación aos aproveitamentos eólicos, no que se recoñece a declaración de utilidade pública do proxecto enerxético.
– A perda de valor do monte, dáse o paradoxo de que a superficie arborado non parou de crecer nos últimos 20 anos, e en moitas zonas só hai un monocultivo forestal. Esta situación non se reflicte na súa contribución ao PIB galego ou ao emprego, como o pon de manifesto o informe da Economía Galega 2019-2020, no que determina que o sector forestal pasou de ser en 1995 o 2,7% do PIB a soamente un 2% no 2018, é dicir, reduciuse un 25% a súa achega á economía galega nos últimos 5 lustros.
– Os procedementos de aprobación de instrumentos de ordenación do territorio, entre os que se inclúe a Revisión do Plan Forestal, nos que se formulou o informe ambiental estratéxico antes da entrada en vigor da lei 1/2021 poderán continuar a súa tramitación até a súa aprobación definitiva con arranxo ao disposto na Lei 10/1995, de 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
Podemos resumir a situación do monte galego a curto prazo nos seguintes puntos.
Situación actual dos aproveitamentos
– O prezo do metro cúbico da madeira de piñeiro redúcese, consecuencia das cortas que se están realizando con esta especie, para substituíla por ‘Eucalyptus nitens’, co que se produce unha situación dun exceso de oferta deste produto, coa consecuente diminución do seu prezo de mercado.
– Hai unha diminución nas cortas dos aproveitamentos de eucalipto, como indican as empresas da 1ª transformación da madeira, que actualmente dedican todos os seus medios ás cortas de piñeiro.
– Polo art. 30.1 do decreto 73/2020, tense que os aproveitamentos madeireiros e leñosos que se destinen a uso doméstico serán obxecto de declaración responsable previa á súa realización, non considerándose excepcionalidade segundo o art 6.2, é dicir, que non requirirían declaración responsable nin autorización administrativa, como sucedía no decreto 50/2014, segundo establecía no seu art. 8 que serían obxecto de comunicación os aproveitamentos madeireiros e leñosos que se produzan en montes ou terreos forestais cuxo obxecto sexa para uso doméstico e non teñan aproveitamento comercial, co consecuente trastorno burocrático para os solicitantes.
– De cara a unha maior transparencia no mercado, urxe de forma inmediata a creación por unha banda de lonxas locais de madeira e por outra dun Rexistro de tasadores cubicadores de madeira e o apoio ás organizacións de propietarios forestais e impulso do selvicultor activo.
– O obxectivo para incrementar o valor do monte está en activar a xestión forestal sustentable, aumentar a produtividade e calidade dos seus produtos.
Repoboacións forestais
– Pola orde de 9 de febreiro de 2021, nos modelos selvícolas, entre os que está o ‘Eucalyptus nitens’, aparece como modificación importante que estes se aplicarán preferentemente en determinados distritos forestais, deixando a porta aberta a utilizalos noutros, como tamén a posible moratoria desta especie nos que previamente non estivesen repoboados con esta.
– Esta situación é consecuencia dunha falta de planificación, debido entre outras causas á inexistencia dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais.
– Prodúcese un dano diferido no tempo ao produto que se vai a fixar no mercado, consecuencia da excesiva oferta que haberá a anos vista.
Prevención e extinción de incendios forestais
– Débese recoller nun único texto lexislativo toda a normativa existente en materia de prevención e extinción de incendios forestais, conforme ao ditame do Parlamento de Galicia.
– Integrar as actividades en gandaría extensiva nos plans de prevención contra os incendios forestais.
– Hai que cambiar o investimento en extinción por investimento en prevención activa (silvicultura, resolución de conflitos: o 95% dos lumes están relacionados con este motivo, ordenación do territorio, incremento do valor do monte), e así deixarían de ser os incendios forestais o principal problema ambiental de Galicia, cun gasto ímprobo ano tras ano.
Economía e industria
– É necesario de forma inmediata a elaboración do Plan Estratéxico da Industria Forestal Galega, co fin de diagnosticar a súa situación actual, corrixindo as súas debilidades, e buscando aumentar o número de pequenas e medianas empresas vinculadas ao medio rural.
– Apoio á diversificación da actividade económica no rural, promovendo iniciativas de economía local.
– Unha industria que debe apostar pola I+D+i e o deseño de novos produtos con maior valor engadido.
– Establecer sinerxías entre a industria e os propietarios na cadea monte-industria.
Observacións en relación ao patrimonio natural
– Establecemento de mecanismos públicos de compensación para o pago dos servizos ambientais para aqueles propietarios forestais que teñan limitacións ambientais.
– Control da fauna silvestre mediante un plan integrador e con obxectivos claros. En relación ao lobo, é necesario facer unha revisión e actualización do seu Plan de xestión, conforme ao Decreto 297/2008, de 30 de decembro.