Cesado Tomás Fernández Couto como director xeral de Defensa do Monte

O seu substituto será Manuel Rodríguez, quen fora director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria desde o 2018 ata setembro deste ano

Cesado Tomás Fernández Couto como director xeral de Defensa do Monte

Tomás Fernández Couto.

O Consello da Xunta púxolle hoxe o punto final á longa traxectoria de Tomás Fernández Couto como máximo responsable da loita contra incendios forestais. Co único lapsus do goberno do PsdeG – BNG, que tamén contou con el os primeiros meses tralas elecións, Fernández Couto foi o máximo responsable da prevención e extinción de incendios en Galicia desde mediados dos anos 90 ata a actualidade.

Con sona de reputado técnico en materia de extinción, Fernández Couto encontrou maiores dificultades políticas nas responsabilidades de xestión forestal, que tamén foron da súa competencia durante dúas décadas, ata que no 2018 a Xunta, tras reiterados desencontros entre Fernández Couto e a cadea forestal, decidiu separar as competencias do monte en dúas direccións xerais, unha de Ordenación e Planificación Forestal, que lle foi encargada a José Luis Chan, e outra de Defensa do Monte, que lle correspondeu a Fernández Couto.

Aquel cambio rematou por convertirse nun cese en diferido, que se materializou agora, dous anos despois. Na súa substitución como director xeral de Defensa do Monte entra Manuel Rodríguez, quen foi director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) desde o 2018 ata setembro deste ano.

Manuel Rodríguez.

Manuel Rodríguez.

Traxectoria de Manuel Rodríguez
Manuel Rodríguez comezou a súa andaina profesional como técnico en distintos eidos do sector agrario, fundamentalmente vinculados ao campo da produción e cultivo en viveiros. A continuación, tras ingresar na Administración galega como funcionario do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia na escala de enxeñeiros técnicos agrícolas, desempeñou desde 2001 o seu traballo na antiga Dirección Xeral de Infraestruturas e Estruturas Agrarias, na localidade de Santiago de Compostela como Enxeñeiro Técnico en Funcións Facultativas.

Desde o ano 2004 ata o 2010, exerceu como xefe de sección C na mesma dirección xeral, pasando posteriormente ao Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias da Coruña como xefe de Sección de Concentración e Obras.

A principios do ano 2012 asumiu a xefatura do devandito Servizo provincial ata finais do ano 2015 en que pasou a desempeñar os labores propios do posto de xefe territorial da Consellería do Medio Rural da provincia da Coruña. Nesa etapa laboral, encargouse da coordinación do equipo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais desprazado a Portugal en 2017, para colaborar nos traballos de extinción do lume rexistrado en Pedrograo Grande.

Nos derradeiros dous anos exerceu o cargo de Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), responsable dos centros públicos de I+D+i e de formación agraria da Consellería, así como dos produtos de calidade galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información