A Xunta e o Consello Regulador de Carne de Vacún de Galicia activan dende hoxe a campaña de promoción da Ternera Gallega Suprema en toda España. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, durante o acto de inauguración do II encontro Galicia Etiqueta Calidade, onde se presentou esta campaña e que contou cun investimento de 1,4 millóns de euros.
Con esta campaña búscase chegar a cubrir todo o espectro de comunicación audiovisual dispoñible. É dicir, radio, prensa, televisión, redes sociais, medios dixitais e revistas. Tamén se cubrirán os diferentes puntos de venda
Sobre esta iniciativa, González sinalou que “ten como obxectivo aumentar a sensibilización sobre a extraordinaria calidade deste produto e incrementar tamén o consumo desta carne de vacún, dentro e fóra das nosas fronteiras”. Lembrou ademais que “con esta campaña o Goberno galego cumpre un compromiso adquirido, xunto coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP), con todos e cada un dos produtores de carne de vacún de Ternera Gallega Suprema de Galicia”.
No acto tamén estiveron presentes o presidente do Consello Regulador, Jesús González, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Próxima presentación da Estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia
Ademais, o conselleiro puxo en valor a Estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia, que -anunciou- será presentada proximamente. Trátase, indicou, dunha “folla de ruta que perfilará os eixos estratéxicos e accións que deben implementarse ata 2030” neste eido produtivo.
José González referiuse tamén á futura Lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación, e cuxo principal obxectivo é o de conseguir que os produtos galegos acaden unha nova dimensión no mercado, cun pulo sen precedentes para a protección, defensa e promoción da súa calidade.
Nesta liña, lembrou o antecedente que, en materia de campañas de promoción, supuxo Galicia Etiqueta Calidade. Unha iniciativa que -destacou- abarca todas as producións de calidade “para que Galicia continúe etiquetando a calidade dentro e fóra das nosas fronteiras e posicionando con éxito os nosos produtos nos mercados nacional e internacional”. Por último, o conselleiro remarcou o interese deste evento inaugurado hoxe e amosou o seu desexo de que “estes próximos días sexan produtivos para todos os que se acheguen a Galicia Etiqueta Calidade”.
Programa de Galicia Etiqueta Calidade
No que resta desta segunda edición de Galicia Etiqueta Calidade haberá diferentes mesas redondas sobre asuntos coma os retos e oportunidades no mundo da distribución de calidade, encontros entre expositores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas e responsables de empresas distribuidoras, degustacións e outras actividades relacionadas coa gastronomía e a despensa excelente de produtos galegos.
Ademais, explicarase polo miúdo, por parte de responsables da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o funcionamento e utilidades do marketplace (mercado dixital) de Experiencias de calidade, tanto desde a perspectiva do comprador como do produtor interesado en vender a súa produción a través desta ferramenta.
No programa tamén se inclúen máis showcookings e foros sobre xantares responsables de calidade. A maiores, daranse a coñecer os primeiros cinco “Embaixadores de Galicia Etiqueta Calidade”, que serán cinco personalidades relevantes nos seus sectores para promover a marca ao longo do ano 2023. Así mesmo, o director da Casa de Galicia en Madrid trasladará nunha conferencia os plans desta institución para o ano 2023, nos cales buscan promover que a Casa sexa un lugar de referencia para o sector primario galego, onde poder promocionar produtos, organizar conferencias, encontros de negocios ou actividades similares.