Baixada dos prezos da recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia acusa unha baixada do prezo medio da recría en case tódalas categorías. O vacún maior experimenta incrementos das cotizacións. A mesa de prezos do porcino acorda novas subas nos leitóns

Baixada dos prezos da recría en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia- Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou esta semana unha baixada do prezo medio da recría en case tódalas categorías con respecto das cotizacións manexadas na semana pasada; en tanto houbo incrementos dos prezos medios do vacún maior e dos prezos medios dos becerros carniceiros.

As mesas de cotización do porcino acordaron unha nova suba para os leitóns, mentres que o porco cebado se mantén sen cambios. Tampouco houbo variacións no mercado do ovo nin no prezo do coello na Lonxa de Madrid.

A continuación realizamos unha comparativa entre os prezos medios rexistrados nas principais categorías este martes e no anterior mercado. A comparación dos prezos entre as sucesivas sesións da Lonxa serve como referencia para o sector, se ben na variación dos prezos tamén hai que ter en conta factores como a distinta calidade media que poden ter os animais (canais, quilos, etc.).

A recría experimentou unha baixada considerable con respecto da semana pasada. Nos becerros frisóns, os animais máis novos tiveron un prezo medio de 35 euros, o que supón unha baixada de 67 euros con respecto da cotización media acadada o pasado martes. Nos becerros de entre 20 e 50 días, o prezo medio sitúase en 75 euros, 45 euros menos que o prezo de referencia marcado na feira anterior. Nos tenreiros de máis de 50 días houbo unha baixada de 17 euros e o prezo medio queda nos 120 euros.

Nos cruzamentos industriais, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 161 euros, o que supón unha baixada de 49 euros con respecto do prezo acadado a semana anterior. Nos animais de entre 20 e 50 días o prezo medio fixouse nos 271 euros, o que tamén supón unha redución, neste caso de 15 euros. A única excepción veu dada polos becerros de máis de 50 días, onde o prezo medio logrou situarse 9 euros por encima do marcado na feira pasada e queda nos 366 euros.

Nos becerros carniceiros, o prezo medio dos tenreiros frisóns foi de 545 euros, 33 euros por debaixo do prezo de referencia que se fixou a semana anterior. Nos animais de cruzamentos industriais houbo unha suba de 98 euros e o prezo medio está nos 885 euros. Nas femias a suba foi de 75 euros e teñen un prezo medio de 786 euros. Para os exemplares de Rubia Galega, o prezo medio é de 931 euros, o que supón 11 euros máis que a cotización de referencia da feira anterior. Nas femias, a suba foi de 13 euros e teñen un prezo medio de 875 euros. Nos animais co selo Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 910 euros, 20 euros máis que o fixado na última feira.

No vacún maior as vacas de categoría extra cotizáronse a un prezo medio de 2.059 euros, o que supón 222 euros por encima da cotización da semana pasada. Nas vacas de primeira apréciase unha suba de 20 euros e quedan cun prezo medio de 1.107 euros. Nos animais de segunda houbo un prezo medio de 756 euros, logo dunha suba de 34 euros. Nas vacas de desfeito, o prezo medio é de 442 euros, 61 euros menos. Foi a única baixada nos prezos medios que se rexistrou nesta categoría.

Central agropecuaria Galicia _Vacuno 21_12_2021

Subas nos leitóns

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo manter as cotizacións para o porco cebado, mentres que os leitóns experimentaron unha suba de 2 euros en tódalas categorías. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle cotízanse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Nos leitóns, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 37 euros (cun prezo de 1,85 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 32 euros e teñen un prezo por quilo de 1,6 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. As galiñas de desvelle están a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo.

O coello mantense a 1,9 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central agropecuaria Galicia Porcino 21_12_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información