Baixada da recría de raza Frisoa e suba dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou hoxe unha redución nos prezos dos animais frisóns de recría igual que no vacún maior. Nos tenreiros carniceiros a tendencia foi á alza. O porco cebado mantense sen cambios

Baixada da recría de raza Frisoa e suba dos becerros carniceiros en Silleda

Exemplares de vacún nunha das sesións da Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), rexistrou esta mañá unha baixada das cotizacións dos becerros de recría de raza Frisoa, mentres, nos cruces industriais algunhas categorías experimentaron subas. Nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza e no vacún maior houbo unha redución dos prezos. Pola súa banda, as mesas de negociación do porcino acordaron manter os prezos sen cambios para o porco cebado e os leitóns quedaron sen cotización. Nos ovos producíronse subas nas sección de maior tamaño.

En canto á recría, no caso dos animais frisóns, os becerros de menos de 20 días foron os que acusaron a maior redución pasando a cotizarse a 67 euros logo de descontar 30 euros con respecto da semana pasada. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio foi de 97 euros, 24 euros por debaixo do marcado o martes anterior. Tamén os animais de máis de 50 días rexistraron unha baixada, neste caso foi de 21 euros e pasan a cotizarse a 116 euros de media.

Nos becerros de cruces industriais de menos de 20 días houbo unha baixada do prezo de 36 euros e sitúanse no 235 euros. Mentres, no resto das categorías destas razas houbo subas nas cotizacións. Así, os tenreiros de entre 20 e 50 días cotízanse a 273 euros, logo dun incremento de 27 euros. A suba dos becerros de máis de 50 días foi de 2 euros e o prezo medio de 374 euros.

No caso dos becerros carniceiros producíronse subas en boa parte das categorías. Os animais frisóns acadaron un prezo medio de 405 euros, logo dun incremento de 38 euros. Nos tenreiros de cruces industriais a suba foi de 5 euros no caso dos machos, que teñen un valor de 860 euros. As femias, pola contra, acusaron unha redución de 67 euros ata os 734 euros. Tamén o prezo dos 36 becerros con selo Ternera Gallega Suprema, que se contabilizaron esta mañá, foi máis baixo que a semana pasada, cotizándose a 878 euros, 37 euros por debaixo.

O vacún maior experimentou baixadas en boa parte das categorías. Nas vacas de primeira a redución foi de 27 euros ata situarse en 1.087 euros. Os animais de segunda mantivéronse sen variacións, mentres que nas vacas de desvelle reduciuse o prezo 1 euro e quedan nos 466 euros. Os animais coa distinción Vaca e Boi de Galicia acadaron un prezo medio de 913 euros, 49 euros por encima do rexistrado na feira anterior, cando a Central acordou comezar a informar das cotizacións acadadas polos exemplares de Ternera Gallega.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacuno-14_07_2020-1

Sen cambios no porco cebado

As mesas de cotización do porcino acordaron manter sen cambios boa parte das categorías do porco cebado e a única excepción produciuse nos animais de desvelle.

Así, o valor do porco selecto e o normal sitúanse a un prezo medio de 1,355 e 1,330 euros respectivamente. Os animais de Canal II atópanse a un valor de 1,727 euros por quilo. Nos porcos de desvelle rexistrouse unha baixada de 0,020 euros e o prezo medio sitúase entre 0,45 e 0,51 euros por quilo.

No caso dos leitóns, os integrantes da mesa acordaron que quedasen sen cotización, agardando que o mercado se estabilice, logo de varias semanas de importantes baixadas nos prezos.

No mercado do ovo, producíronse incrementos no valor dos de maior tamaño. De xeito que, os ovos da categoría XL pasan a cotizarse a 1,59 euros a ducia, logo dun incremento de 0,03 euros. Tamén houbo subas nos ovos da sección L que se pagan a 1,18 euros a ducia tras sumar 0,10 euros. Mentres, nas dúas categorías restantes os prezos mantéñense sen cambios. Deste xeito, os ovos da categoría M sitúanse a 1,07 euros e os de menor tamaño, os da S, a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle acadan un prezo medio de entre 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello continúa cotizándose a 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-14_07_2020-2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información