Baixa un 17% nos últimos 5 anos o número de animais de Rubia Galega inscritos en Acruga

Baixa un 17% nos últimos 5 anos o número de animais de Rubia Galega inscritos en Acruga

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) presentou esta pasa semana o seu balance anual, relativo ao pasado 2021, na asemblea xeral ordinaria. Desde a directiva destacan os “datos positivos que reflicten certa recuperación, como o nacemento de 500 animais máis inscritos no libro xenealóxico ou o incremento do prezo medio dos exemplares vendidos en poxa que escalou dos 2.150 aos 2.277 euros”.

En concreto, o pasado ano finalizou con 10.278 animais inscritos no libro xenealóxico de Rubia Galega, fronte aos 9.783 do 2020. Con todo, o descenso tanto no número de explotacións como do total de animais da raza segue caendo. Así, os datos do pasado ano arroxan un total de 32.400 vacas nutrices inscritas en ACRUGA, case mil menos que as 33.266 de 2020. Dese total, 31.420 están en gandarías galegas; 501 en Castela e León; 296 en Madrid, e xa por baixo de 100 animais aparecen explotacións de Estremadura, Andalucía, Aragón e Castela A Mancha.

Ademais, Lugo segue sendo a provincia que lidera o maior número de explotacións e exemplares, con 25.465 animais, seguida da Coruña con 3.202; Ourense, con 1.669 e Pontevedra con 1.084.

O número de explotacións é tamén menor, pasando das 1.465 explotacións que estaban operativas en 2020 ás 1.326 do pasado exercicio (140 menos), cunha media de 25 animais por gandaría.

Porén, como mellor apréciase o descenso do número de vacas nutrices de Rubia Galega inscritos é analizando os datos nun período máis longo de tempo. Así, segundo os datos de ACRUGA o censo de animais reduciuse un 17% nos últimos 5 anos, pasando das 39082 vacas adultas de 2017 ás 32400 do pasado ano. O número de gandarías inscritas tamén se reduciu notablemente: De 1797 en 2017 a loas 1326 de 2021.

 

Fonte: ACRUGA NOTA: En 2014 realizouse unha depuración do censo de ACRUGA para mellorar a selección racial da Rubia Galega, o que explica o brusco descenso con respecto a 2013

Fonte: ACRUGA
NOTA: En 2014 realizouse unha depuración do censo de ACRUGA para mellorar a selección racial da Rubia Galega, o que explica o brusco descenso con respecto a 2013

Novos proxectos: Sexado de seme e xenómica

En canto aos novos proyedtos, desde ACRUGA destacan que 2021 foi o ano no que botou a andar o proxecto para sexar seme de touro, unha nova liña de actuación e investigación que levou a cabo en Xenética Fontao. “Con este programa poderase escoller se ese seme vai dar como resultado que naza un macho ou unha femia, o que permitirá ter máis femias reprodutoras fillas dos mellores touros, algo que sen dúbida contribuirá á mellora e á evolución da raza rubia galega”, explican desde a asociación. O proxecto segue avanzando e neste ano 2022 xa se produciron 3.550 doses de seme sexado, procedentes de seis sementais de alto valor xenético.

Igualmente, este balance anual feito público por Acruga recolle os avances dados ao longo do pasado exercicio en programas de selección xenómica, estudando a preto de 3.500 exemplares, mediante a implantación dun chip. Grazas á súa posta en marcha e desenvolvemento logrouse validar a xenealoxía dos individuos xenotipados para os principais caracteres de interese da raza; traballouse en xenotipar sistematicamente todos os candidatos para incrementar a precisión da valoración xenética; logrouse dispor dunha estimación do parentesco xenómico nunha cantidade importante de individuos xenotipados; avanzar na verificación da identidade racial e na detección de posibles híbridos con outras razas; e en estudar a estrutura xenética interna dentro da poboación da Raza Rubia Galega.

Desde ACRUGA aseguran que “son varios os beneficios que se lograrán con estes programas, entre os que figuran unha selección máis precisa; ampliar o rango de caracteres estudados incluíndo aqueles difíciles de detectar; identificar os xenes candidatos a mellorar a eficacia da selección e elaborar uns marcadores para a identificación de razas e dos cruces”.

Tamén levou a cabo o proxecto Exportgen, xunto a Feagas, Asturgen e ANCE, co obxectivo de crear unha estrutura de comercialización que facilite a exportación de material xenético de razas autonómicas españolas e a elaboración dun plan estratéxico de internacionalización que dinamice e facilite a exportación.

Por último, entre as iniciativas e programas futuros que estuda Acruga destaca o proxecto piloto de control de raza, que permitirá validar a trazabilidade e sustentabilidade da Raza Rubia Galega con xenómica avanzada, análise ambiental e dixitalización a través dun QR certificado para mellorar o seu valor engadido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información