A Xunta de Galicia ven de convocar 2,8 millóns de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade, tanto da Rede Natura 2000 como dos sistemas agrarios de alto valor natural. Estas axudas poden solicitarse até o 27 de febreiro.
O obxectivo desta orde de axudas é financiar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional.
Poderán optar a esta convocatoria bianual de axudas os concellos incluídos total ou parcialmente na rede Natura 2000 de Galicia, as persoas físicas, as asociacións sen ánimo de lucro e as comunidades de montes veciñais en man común.
Os beneficiarios poderán recibir o 100 % do custo subvencionable cun importe máximo de 30.000 euros no caso dos concellos e de 15.000 euros no resto dos casos.
Entre as actuacións subvencionables, inclúense iniciativas para preservar os hábitats ou ecosistemas naturais como, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas como zonas importantes para a flora e a fauna acuáticas ou terrestres.
Axudas para a restauración de cercas e muros ou rehabilitación de cabaceiros, fontes ou muiños
Ademais, poderán recibir financiamento actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas.
A maiores, tamén serían subvencionables actuacións dirixidas á rehabilitación de elementos históricos ou culturais como hórreos, milladoiros, cabanas, fontes, alvarizas, muíños ou fornos tradicionais.
A Rede Natura 2000 é un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. En Galicia está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA), que abarcan máis de 100.000 hectáreas, e 59 zonas especiais de conservación (ZEC), que ocupan preto de 375.000 hectáreas.