Desenvolvemento rural

A Asociación de GDR pon en marcha catro grupos temáticos de traballo para promover accións estratéxicas no rural galego

Céntranse na xestión do territorio, os sectores agropecuario e do turismo así como na enerxía e cambio climático. O colectivo aproba tamén os plans de actividades do 2022 e 2023 na Asamblea Ordinaria celebrada en Lalín

Campo Galego 07/06/2023 10:14 a.m.

A asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia acorda a posta en marcha de catro grupos temáticos de traballo para promover accións estratéxicas no rural. A medida foi un dos eixes da súa Asamblea Ordinaria, presidida por José Antonio Santiso Miramontes e celebrada este martes na sede do GDR Pontevedra Norte en Lalín.

Estes 4 grupos temáticos están divididos en eixos estratéxicos que teñen como obxectivo poñer en valor novos proxectos de colaboración entre grupos e unha maior inversión no rural. Están divididos en Auga e Enerxía. Cambio climático e innovación ambiental, Recuperación de terras agrarias. Ferramentas para a xestión do territorio, Produtos agrolimentarios. Potenciación do sector agropecuario e Turismo en zonas rurais.

Deste modo, cada grupo de desenvolvemento rural puido seleccionar as áreas temáticas segundo os seus intereses e en liña coa estratexia local que vaia a desenvolver nos próximos anos. Estes grupos de traballo contan con dúas fases principais, unha primeira, na que se identificarán outros actores públicos e privados para ir incorporándoos sempre que estean vinculados a cada unha das áreas. E unha segunda fase, de creación de plans de acción para incorporar nos seus respectivos plans estratéxicos.

Na asemblea tamén aprobaron as actuación levadas a cabo no 2022 e as accións previstas para o 2023. Acordaron seguir na mesma liña de actividades que son de interese común a todos os grupos, como son as visitas e actividades entorno ás estratexias territoriais, ás formación específicas e as xornadas sectoriais nas que se abranguen temas como os polígonos forestais ou as aldeas modelo.

Etiquetado
Ir a la portada