Desenvolvemento rural

Agricultura anuncia axudas para compensar o encarecemento de fertilizantes e gasóleo agrícola

O Ministerio destina 300 millóns para paliar a suba de prezos dos abonos e outros 240 millóns para combustible agrario. Facenda, pola súa banda, acorda eliminar o IVE de alimentos básicos, como o leite, durante 6 meses

Campo Galego 27/12/2022 6:10 p.m.

O Consello de Ministros acordou hoxe conceder axudas directas por 660 millóns de euros para que agricultores, gandeiros e pescadores poidan facer fronte ao incremento dos prezos enerxéticos, como consecuencia da guerra de Rusia en Ucraína, que ocasionaron maiores custos de produción debido ao encarecemento dos fertilizantes e do gasóleo agrícola e pesqueiro.

Fertilizantes
No caso dos fertilizantes, uns 300.000 agricultores beneficiaranse da axuda directa, cun orzamento de 300 millóns de euros. Esta subvención concederase por hectárea, ata un máximo de 300, e será de 22 euros por hectárea no caso de superficie de secaño e de 55 euros para o regadío.

Os fertilizantes supoñen un 8 % dos consumos intermedios do sector agrario e o seu prezo medio aumentou o 80 % entre setembro de 2021 e setembro de 2022. Por iso, o Goberno considera necesario habilitar axudas para facer fronte a este incremento de custos e que inciden na rendibilidade das empresas agrarias.

Carburantes agrario e pesqueiro
Agricultores, gandeiros e pescadores seguirán contando coa axuda de 20 céntimos de euro por litro de gasóleo. O elevado prezo deste combustible afectou á rendibilidade das explotacións agrarias e dos pescadores.

A axuda concederase a aqueles agricultores que exerzan o dereito á devolución das cotas do Imposto Especial sobre Hidrocarburos (IEH) satisfeitas ou soportadas con ocasión das adquisicións de gasóleo agrario.

A subvención será de 20 céntimos por litro de gasóleo consumido e tomarase como referencia o consumo destinado en exclusiva ao uso agrario realizado no 2022, por ser o último exercicio con datos pechados.

O importe da subvención abonarase pola Agencia Estatal de Administración Tributaria, polo mesmo procedemento mediante o que se realiza a devolución parcial das cotas do Imposto Especial de Hidrocarburos. Considerarase solicitada a axuda coa presentación da solicitude de devolución do Imposto sobre Hidrocarburos polo gasóleo empregado na agricultura e a gandería, conforme ao establecido na Orde EHA/993/2010, do 21 de abril a partir do 1 de abril de 2023.

Uns 120.000 agricultores e gandeiros solicitan anualmente esta devolución, aínda que se espera que o número que finalmente se beneficie desta axuda, calculada en 240 millóns de euros, sexa maior. A devolución poderase solicitar a partir do 1 de abril de 2023.

Baixada do IVE de determinados alimentos básicos
No que se refire ao Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) de determinados alimentos, de forma temporal, desde o 1 de xaneiro de 2023 e ata o 30 de xuño de 2023, o Ministerio de Facenda e Función Pública establece certas reducións que se detallan a continuación.

Así, pasan do 4 ao 0 % de IVE os seguintes alimentos: o pan común, así como a masa de pan común conxelada e o pan común conxelado destinados exclusivamente á elaboración do pan común; as fariñas panificables; os seguintes tipos de leite producido por calquera especie animal: natural, certificada, pasterizada, concentrada, desnatada, esterilizada, UHT, evaporada e en po; os queixos; os ovos; así como as froitas, verduras, hortalizas, legumes, tubérculos e cereais, que teñan a condición de produtos naturais ou frescos.

Ademais, aplicarase o tipo do 5 % do IVE (nestes momentos está no 10 %) aos aceites de oliva e de sementes, e ás pastas alimenticias.

Esta redución do tipo impositivo beneficiará integramente ao consumidor. Isto quere dicir que o importe da redución non pode dedicarse total ou parcialmente a incrementar a marxe de beneficio empresarial. Os sectores afectados poden, por responsabilidade social, asumir outros compromisos adicionais que redunden nun descenso dos prezos da cesta da compra.

Outras medidas
As medidas adoptadas, tanto nas anteriores normas como na actual, terán un efecto a medio prazo na amortiguación dos prezos finais dos alimentos ás persoas consumidoras. Aínda que a inflación dos alimentos en España está por baixo da media comunitaria, segundo sinala o Goberno, a subida dos prezos da cesta da compra está a afectar a algunhas familias, sobre todo, ás de menor poder adquisitivo. Por iso, o Goberno concederá unha axuda de 200 euros para máis de 4,2 millóns de familias con rendas de ata 27.000 euros, para compensar a subida dos prezos dos alimentos.

https://www.campogalego.gal/asi-se-xestionara-o-pago-das-axudas-por-fertilizantes-e-gasoleo/

Etiquetado
Ir a la portada