Aemet prevé unha primavera con menos precipitacións

A Axencia Estatal de Meteoroloxía porá en marcha nos próximos meses un servizo especial para agricultores e gandeiros

Aemet prevé unha primavera con menos precipitacións

A primavera prevese que traerá menos choiva.

Unha primavera en Galicia con temperaturas na media dun ano normal pero con algo menos de precipitacións da media. Esta é a previsión que fai a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para a estación que comeza mañá, día 20 de marzo.

En declaracións a Campo Galego, o delegado territorial de AEMET en Galicia, Francisco A. Infante Alonso , afirma que “as nosas previsións para abril, maio e xuño indican que é probable que as precipitacións sexan lixeiramente inferiores aos valores normais, o que tampouco significa que será unha primavera seca, pero si que prevemos que a cantidade de choiva sexa un pouco inferior aos valores normais”.

Respecto ás temperaturas, Francisco Infante asegura que “as previsións de Aemet non aprecian diferencias significativas respecto aos valores de temperatura promedio para unha primavera normal”.

Non obstante, o responsable de Aemet en Galicia subliña que “estas previsións hai que tomalas con certa precaución, xa que a súa fiabilidade non é tan grande como as predicións a curto prazo”.

Inverno frío e seco na maior parte de Galicia

Respecto á valoración da estación que remata hoxe, o delegado de Aemet sinala que “o inverno no conxunto de Galicia foi frío e seco na maior parte de Galicia, quedando excluído o noroeste da provincia da Coruña e case toda a provincia de Lugo, “onde o inverno foi máis ben húmido”.

inverno_2014_aemet_gz

Polo que respecta ás temperaturas, Francisco Infante sinala que “o inverno foi en xeral frío no conxunto de Galicia, cunhas temperaturas que estiveron en torno aos 0,7 graos por debaixo da media normal, situándose a temperatura media nos 8,2 graos”.

Aemet porá en marcha un servizo especial para o sector agrogandeiro

Por outra parte, Francisco Infante avanzou a Campo Galego que “Aemet está traballando nun proxecto para establecer un sistema de predición meteorolóxica máis adaptada á agricultura e á gandeiría”.

“O proxecto, que está sendo desenvolvido por Aemet en colaboración con centros de investigación agraria de varias Comunidades Autónomas, ten como obxectivo elaborar un sistema de previsión de rendemento de colleitas”, afirma o responsable de Aemet en Galicia.

O servizo prevese que estea operativo ao longo deste ano e será un servizo gratuíto a través da páxina web de Aemet.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información