Adai acolle este sábado unha nova poxa de seis machos e unha xovenca

Os animais proceden de ganderías particulares de criadores de Raza Rubia Galega e da nave de testaxe da propia asociación

Adai acolle este sábado unha nova poxa de seis machos e unha xovenca

Imaxe dunha poxa anterior en Adai. / Arquivo.

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, regresa este sábado ao recinto gandeiro de Adai, no Corgo, para celebrar a tradicional poxa de machos, e farao a partir das 12.00 horas coa presentación de seis exemplares polos que se poderá poxar con prezos de saída que van dos 2.000 aos 2.300 euros.

Trátase de exemplares procedentes da nave de testaxe de Acruga e de explotacións de gandeiros socios de Acruga, en concreto de ganderías de Samos e O Corgo, habituadas a lograr premios e recoñecementos nos certames organizados pola asociación. De feito, os animais presentaranse á poxa avalados polas súas excelentes valoracións nos índices xenéticos e cualificadas cunha categoría de moi boa.

O prezo de saída destes exemplares varía dos 2.000 aos 2.300 euros. As mesmas cantidades que se barallan para os machos procedentes da nave de testaxe de Acruga, que tamén se presentan cunha categoría de moi boa e con altas cualificacións no libro xenealóxico. Os seis machos presentados á poxa de mañá teñen 14 meses de idade e axudas á compra de 300 euros, achegadas pola Caixa Rural Galega.

Ademais da poxa destes exemplares, presentarase á poxa unha xovenca preñada, de 18 meses de idade e valorada cunha categoría de moi boa, que sairá a poxa cun prezo de arranque de 1.900 euros, e cunha axuda á compra de 200€ de Caixa Rural.

Para tomar parte nesta poxa, que mañá alcanza a súa edición número 98, é necesario sacar a tarxeta correspondente no propio recinto gandeiro de Adai, un trámite que se poderá realizar a partir das 11.00 da mañá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información