Acruga recibe a certificación internacional ICAR de calidade e boas prácticas

Das nove asociacións recoñecidas, a de Raza Rubia Galega, é a única galega que obtén esta distinción para identificación de animais, rexistro do Libro XenealóXico ou avaliación xenética, entre outras funcións

Acruga recibe a certificación internacional ICAR de calidade e boas prácticas

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA) foi recoñecida polo International Committee for Animal Recording (ICAR) co certificado de calidade e de boas prácticas, o que ademais avala a esta asociación en gran parte das actividades que xa realiza desde hai anos como a identificación de animais, a avaliación xenética dos exemplares de Raza Rubia Galega, o rexistro, a inscrición no Libro Xenealóxico e o procesamiento de datos, entre outras.

Acruga convértese así nunha do nove asociacións españolas de gando que logra esta distinción e recoñecemento internacional, sendo ademais a única da comunidade galega. “Este certificado equipara as boas prácticas de Acruga ás asociacións e colectivos máis punteiros do panorama internacional”, salientan.

Para o presidente de Acruga, César Dorado Pin, “obter este certificado é un recoñecemento máis ao labor que estamos a facer na asociación desde hai anos. Sempre comento que nas poxas obtéñense tan bos resultados porque os gandeiros saben polo que poxan, coñecen a calidade dos animais que seleccionamos do centro de recría e que presentamos. Este certificado do ICAR ratifícanos en canto á calidade dos nosos procesos, e ademais de forma internacional, o que espero que nos abra aínda máis portas no mercado global, xa que esta distinción recoñece ademais o noso traballo no campo da mellora xenética, que é a clave para asegurar o futuro do noso sector”.

Este certificado avala á asociación nacional con sede en Lugo para determinadas prácticas como son o formar parte dunha marca única que identifica a calidade do produto e do servizo para os clientes; unha ferramenta de marketig para organizacións como Acruga que identifica a súa conformidade con normas internacionais recoñecidas e unha marca de liderado demostrado de ICAR no mercado internacional a través de servizos de calidade. Ademais, desde a asociación que preside César Dorado chaman a atención na importancia que este certificado ten á hora de ofrecer unha garantía para os clientes de que o provedor cumpriu cos criterios de ICAR, proporcionando así unha maior confianza na calidade do servizo ou produto recibido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información