A nova directiva da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) mantivo unha reunión coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, á que lle trasladou unha petición de axudas directas para a recría de animais e para apoiar ás ganderías que se incorporen á raza rubia galega, en detrimento doutras razas.
O encontro serviu tamén para que Acruga lle explicase á conselleira o seu proxecto de traballo para os próximos anos, no que destacan aspectos como a utilización da xenómica para a selección de touros de inseminación ou a comercialización de seme sexado, orientado á produción de femias.
Por parte da conselleira, Ángeles Vázquez, avogouse por intensificar o traballo na selección de reprodutores e na mellora dos apareamentos, a fin de “recuperar a variabilidade xenética e apuntalar os parámetros produtivos característicos na raza”, segundo indica a Consellería en nota de prensa.