Os interesados en acollerse ás axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, o chamado PREE 5000, poden presentar a súa solicitude a partir de hoxe, luns 3 de xaneiro, ata o 30 de setembro.
A Xunta publicou en novembro a resolución pola que se convoca o programa, que conta cunha dotación total de 3,8 millóns de euros.
É a primeira das liñas financiadas con fondos europeos que convocará a Xunta por primeira vez este ano, coa finalidade de contribuír a acadar os obxectivos medioambientais e enerxéticos establecidos na normativa europea mediante a execución de actuacións en edificios existentes que favorezan a redución do seu consumo final e das emisións de CO2 mediante o aforro de enerxía, a mellora da eficiencia e o aproveitamento das fontes renovables.
As actuacións subvencionables realizaranse en edificacións localizadas en municipios de menos de 5.000 habitantes ou en concellos non urbanos de menos de 20.000 sempre que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000 veciños. Os inmobles deberán terse construído antes de 2007 e poderán ser vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas individualmente.
Así, as persoas físicas ou xurídicas de natureza privada así como ás comunidades ou agrupacións de comunidades de propietarios que sexan titulares de inmobles nos que se vaian acometer as actuacións subvencionables poderán beneficiarse desta liña de incentivos, cuxo importe concedido poderá chegar a cubrir ata o 100% do custo das obras subvencionables, sempre que estas cumpran con todos os criterios establecidos para obter unha axuda adicional.
Así mesmo, os traballos a executar deberán encadrarse nunha ou en varias das seguintes tipoloxías: mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.
Neste sentido, as actuacións que subvencione o Instituto Galego da Vivenda e Solo ao abeiro do PREE 5000 deberán conseguir unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% respecto á situación actual do edificio e, ademais, mellorar a cualificación enerxética total do inmoble en, polo menos, unha letra. Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter xa unha cualificación A.
As axudas non terán unha contía fixa, partindo dun mínimo equivalente ao 20% dos custos elixibles e podendo chegar ata o 100%. Así, o importe concreto variará tendo en conta o tipo de actuación, o inmoble obxecto da rehabilitación ou os obxectivos de eficiencia enerxética acadados tras a reforma.
En todo caso, a subvención concedida será o resultado de sumar a axuda base —que oscilará entre un 20% e un 50% dos custos elixibles— e a axuda adicional que corresponda en cada caso en función do cumprimento dunha serie de criterios sociais —por exemplo, que o edificio estea baixo algún réxime de protección pública—, de eficiencia enerxética —cando o inmoble obteña unha cualificación A, B ou incremente en dúas letras a súa situación de partida— e se é ou non unha actuación que inclúa obras correspondentes a dúas ou máis tipoloxías.