A Xunta investiu en 2014 no rural 286 millóns procedentes de fondos da UE

Así o explicou hoxe en Bruxelas a directora do Fondo Galego de Garantía Agraria, Patricia Ulloa, na súa intervención durante a IX Conferencia de Directores de Organismos Pagadores e órganos de Coordinación dos Fondos Europeos Agrícolas

Publicidade
A Xunta investiu en 2014 no rural 286 millóns procedentes de fondos da UE

Patricia Ulloa participando na reunión en Bruxelas

O Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) xestionou no exercicio de 2014 un investimento no medio rural galego superior aos 286 millóns de euros. Así o explicou hoxe en Bruxelas a directora deste organismo dependente da Xunta, Patricia Ulloa, na súa intervención durante a IX Conferencia de Directores de Organismos Pagadores e órganos de Coordinación dos Fondos Europeos Agrícolas.

Esta cantidade engloba o gasto público derivado tanto das achegas do Fondo Europeo Agrario de Garantía (FEAGA) como das que corresponden ao Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER). Así, no primeiro caso, o FOGGA xestionou no exercicio de 2014 o pagamento de máis de 165 millóns de euros, aos que hai que engadir o gasto público xerado a partires do segundo destes fondos, que supuxo unha inxección de algo máis de 121 millóns de euros no agro galego.

No que atinxe aos pagamentos FEAGA, a meirande parte dos fondos corresponde ao réxime de pagamento único (máis de 113 millóns de euros), sendo tamén importantes as achegas para axudas directas, primas complementarias por vaca nutriz e, en relación coa ordenación dos mercados agrícolas, as partidas destinadas ao sector vitivinícola.

No que se refire aos pagos FEADER, os fondos de maior contía son os destinados a servizos básicos para a economía e a poboación rural (14,9 millóns de gasto público). Outras partidas importantes corresponden ás axudas para modernización de explotacións, axudas agroambientais ou recuperación do potencial forestal e implantación de medidas preventivas, así como aquelas destinadas a aumentar o valor engadido dos produtos agrícolas e forestais.

Reunión para certificar a conta de 2015 do FEAGA e do FEADER

Patricia Ulloa asiste a esta xuntanza na capital comunitaria en representación da Xunta, como un dos 85 organismos pagadores dos fondos europeos agrícolas. Nesta reunión dá comezo tamén o proceso de certificación da conta FEAGA e FEADER 2015, que concluirá mediante Decisión da Comisión a finais de abril do exercicio 2016.

Ao FOGGA, na súa condición de organismo pagador dos fondos europeos agrícolas en Galicia, correspóndelle a responsabilidade compartida de facer chegar aos agricultores e gandeiros, operadores comerciais e industriais agroalimentarios e vinculados ao desenvolvemento rural as medidas de apoio á renda e impulso que a política agrícola común (PAC) dispón a favor de quen contribúe á consecución dos seus fins, no eido dos mercados de produtos agrarios e do desenvolvemento rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información