“A mocidade debe incorporarse á gandería pero de forma profesional e con visión empresarial”

Entrevista a Rocío Manteiga Rodríguez, gandeira e presidenta do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia que celebrou este sábado en Silleda o II Encontro da Mocidade Gandeira

“A mocidade debe incorporarse á gandería pero de forma profesional e con visión empresarial”

Rocío Manteiga nun concurso de manexadores

Rocío Manteiga Rodríguez é unha moza de 22 anos que acaba de incorporarse a Gandería Manteiga SC, unha explotación familiar de vacún de leite referente en Galicia e situada no concello pontevedrés de Vila de Cruces.

Pero ademáis de gandeira, Rocío é presidenta do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia que celebrou este sábado en Silleda o II Encontro da Mocidade Gandeira, centrado en ponencias técnicas para a mellora da rendibilidade das explotacións lácteas.

¿Que é o Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia?
É unha agrupación que pretende satisfacer as necesidades da mocidade gandeira e, sobre todo, fixar poboación no rural. Sobre todo queremos que a mocidade se incorpore á gandería pero dun xeito profesional, formándose e tendo unha visión empresarial da explotación. Neste sentido, o Clube quere ser un foro de intercambio de experiencias entre a mocidade que se incorpora ás explotacións gandeiras e tamén queremos mellorar a nosa formación con xornadas técnicas como as que vimos de celebrar en Silleda.

Actualmente somos preto de 60 socios e un dos nosos obxectivos é precisamente ampliar o número de mozos e mozas que forman parte do Clube e que se sintan orgullosos e orgullosas de formar parte del.

¿De onde procede a túa vinculación co sector gandeiro?
Procedo dunha familia gandeira: os meus avós xa tiñan vacas. Cando casaron os meus pais tiveron un baleirado sanitario e empezaron de novo de cero ata situarse como unha das explotacións de vacún de leite referentes en Galicia.

Acabo de incorporarme á explotación dende o pasado mes de agosto e probablemente o ano que ven tamén se incorpore a miña irmá. Para poder incorporarme fixen un curso de 250 horas e a miña irmá está estudando enxeñería agrónoma e tamén ten previsto incorporarse.

¿Que te motivou a dedicarte á gandería?
Crieime coas vacas e sempre me gustaron moito os animais dende pequena. Cando era adolescente si que me decatei máis do aspecto negativo de horarios e dispoñibilidade, pero tiven que adaptarme e penso que, a través da organización, podemos conseguir os mesmos horarios que calquera outra empresa. Eliminadas estas dificultades, decidín traballar nisto porque é o que me gusta.

Tanto a presidenta como a vicepresidenta do Clube de Xóvenes Gandeiros sodes mulleres. ¿Por que cres que segue sendo a excepción que as mulleres ocupen postos directivos en pé de igualdade que os homes nas organizacións gandeiras?
A muller sempre estivo presente nas explotacións gandeiras pero o home era e aínda é maioritariamente o titular e iso repercute na directiva das organizacións agrarias.

“Xa empeza a haber explotacións lácteas profesionais nas que as únicas propietarias son mulleres”

Sen embargo, penso que o mundo está cambiando e que as mulleres cada vez temos máis presenza. De feito, xa empeza a haber granxas nas que as únicas propietarias son mulleres e isto tamén se está notando nas asociacións.

Acabas de incorporarte hai pouco á explotación familiar. ¿Como moza gandeira que lle proporías á Administración para fomentar a incorporación de máis mocidade ao agro?
Creo que é fundamental que haxa comunicación do que supón estar no rural. Tamén é imprescindible máis formación; é dicir, que as escolas agrarias non estean tan focalizadas e teñan unha formación máis ampla e integral do mundo rural. E como non, máis apoio para o sector gandeiro.

¿Como cres que ve a sociedade galega aos gandeiros e como se ven os gandeiros/as a si mesmos/as?
Na miña opinión, a sociedade ve o sector agrario como un sector pouco desenvolvido, atrasado e moi pouco atractivo. Penso que aínda se mantén a idea de traballo pesado e manual, cando realmente xa non é así.

Os gandeiros en xeral están orgullosos do seu traballo e de adicarse ao que lles gusta, pero neste momento no que vén que os seus beneficios económicos son moi escasos, flaquean en folgos e cunde o desánimo. Todo se pode arranxar, pero penso que é esencial que a situación do sector mellore no económico para que a sociedade en xeral vexa os avances no sector.

¿Como ves o futuro do sector lácteo en Galicia?
Creo que temos que afrontar o futuro con moita ilusión e con moitas ganas. Se ben é certo que non melloran os prezos, creo que si se pode mellorar a nivel de explotación; é dicir, se non podemos aumentar os ingresos teremos que reducir os custos. Isto é algo que hai que analizar en cada explotación e no que aínda temos campo de mellora.

Una idea sobre ““A mocidade debe incorporarse á gandería pero de forma profesional e con visión empresarial”

  1. jose manuel

    Iso dixeronmo a min fai 25 anos cando estudiaba e o que fixemos foi invertir e invertir e mais invertir e hoxe acordamons de Aquiles tempos que polo menos non estábamos debaixo de miles de euros que a maioria non saliremos dela. Os xovenes aconselarialles saber moi ben onde se meten por moita subencion que den que lle facemos o noso produto……….vendemolo a precio de intervención.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información