A forestación de terras agrarias a penas mellora o solo

Unha tese doutoral elaborada en Galicia apunta a un leve aumento de materia orgánica, pero conclúe que non resulta significativo

A forestación de terras agrarias a penas mellora o solo

A forestación de terras agrarias non produce melloras ambientais no solo, segundo a tese.

Unha tese doutoral realizada por Féliz Zorita analizou como cambian os solos agrarios cando son forestados con distintas especies. A principal conclusión do seu traballo é que a calidade do chan apenas mellora coa forestación. Prodúcese un leve aumento de materia orgánica no horizonte superficial do chan, pero trátase dun cambio pouco significativo, segundo o investigador, que realizou a súa tese no Instituto de Investigacións Agrobiológicas (Santiago), un centro dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (Csic).

A tese, dirixida por Carmen Trasar Cepeda (CSIC), Fernando Gil Sotres (USC) e Carmen Leirós de la Peña (USC) obtivo un apto cum laude. A investigación examinou os cambios que se producen no metabolismo do chan, estimado a través da modificación da actividade de diferentes enzimas (hidrolasas e oxidoreductasas). Eses cambios son variables e non sempre na mesma dirección, polo que a forestación non mostra beneficios evidentes dende un punto de vista ambiental, polo menos nos primeiros quince anos tras producirse esta.

A investigación examinou 35 solos forestados no Ulla e no Tambre e comparounos cos seus adxacentes agrícolas

O estudo de campo levouse a cabo entre o 2009 e 2012 en diferentes puntos das provincias da Coruña e Pontevedra, principalmente nas concas do Ulla e do Tambre. En primeiro lugar, realizouse un estudo xeral no que se analizou a capa superficial (0-10 cm) de 35 chans forestais. Estes tiñan características diferenciadas (especies forestais caducifolias e perennifolias), idades diferentes (entre 4 e 15 anos), diferente posición fisiográfica (aba ou fondo de val) e distinto manexo (limpeza ou non da biomasa e dos restos vexetais sobre a superficie dos chans). Os resultados obtidos nos solos forestais comparáronse cos obtidos nos seus correspondentes chans de cultivo de referencia, que eran chans agrícolas adxacentes aos forestais.

“Dun modo xeral, a forestación tende a incrementar o contido en materia orgánica dos chans, aínda que este incremento non foi significativo. Por outra parte, a maioría de enzimas incrementaron a súa actividade en relación á dos chans de cultivo de procedencia. O tipo de árbore empregada na forestación, o manexo dos chans e o contido en materia orgánica dos chans agrícolas de orixe foron os factores que máis influíron na modificación do comportamento”, conclúe o investigador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información