Cundis Miriam Hotline FIV ET , unha xovenca de 14 meses da gandería Cunordam SC, de Zas, foi vendida esta mañá na III Poxa de Elite de Gando Frisón, celebrada en Curtis por 6000 euros a dous mozos gandeiros de Rodeiro e Touro.
Finalmente saíron a poxa 17 animais procedentes de 8 das mellores ganderías por cualificación xenética de Galicia, con resultados positivos de asistencia de gandeiros, algúns chegados de Asturias, e económicos. Foron vendidos 15 dos animais con prezos que oscilaron entre os 1.800 euros e os 6.000 euros.
Esta foi a cantidade que acadou Cundis Miriam Hotline FIV ET, un animal moi equilibrado, con 4.087 puntos GICO e 10 xeracións MB/Excelente no seu pedigrí. Esta xovenca leva consigo un contrato por 4 embrións e un de macho con Xenética Fontao. Esta foi a poxa máis disputada, xa que o prezo de saída foron 2.100 euros.
Tras ela, o segundo mellor prezo foi para outra xovenca, neste caso da gandería SAT A Campa, de Curtis. Trátase de Campa Imax 0338 Red, unha roxa con 4.233 puntos GICO, que acadou os 4.600 euros. O terceiro posto foi para outro animal desta gandería coruñesa, CAMPA SOLOMON MEGADEA, unha vaca primeiriza que foi mercada por 3.900 euros. O volume de negocio da poxa ascendeu a 48.100 euros.
Esta III Poxa de Elite de Gando Frisón foi organizada pola empresa galega Embriomarket S.L e polo Concello de Curtis co obxectivo de dar saída comercial á alta xenética que se está a acadar nas ganderías de vacún de leite de Galicia.
Daniel Martínez Bello (Embriomarket): “Arriscamos sacando a poxa animais novos, de menos de 7 meses”
O director da poxa, Daniel Martínez Bello, de Embriomarket, asegura que a valoración desta III Poxa de Elite de Gando Frisión “é moi positiva en canto a participación dos gandeiros á hora de ofrecer animais de alta xenética para a venda”. “En canto aos resultados económicos -engade-, hai espazo para a mellora pois a venda da metade deles foi nun prezo razoable e cubrindo as expectativas dos propietarios e a outra metade foi unha compra excepcional para os gandeiros que as adquiriron debido a que a demanda non foi o suficientemente alta”.
Por último destaca que “nesta edición arriscamos en canto á idade dos animais, pois había varios por debaixo de 7 meses de vida, e este quizás foi un dos factores máis novidosos”.
Resultados da poxa:
INDENTIFICACIÓN | PREZO SAÍDA | PREZO FINAL |
CAMPA CLUN SPECIAL | 1800 | 1900 |
NODI JEDI MADONNA FIV ET | 2100 | 2100 |
ABONXO FLAGSHIP SPEZI RED ET | 2100 | 2100 |
CUNDIS CAROLINA DOC FIV ET | 1800 | 2700 |
CASAGABINO K.ROYAL LUNA FIV ET | 2100 | 2600 |
CAMPA IMAX 0338 RED | 2100 | 4600 |
CASA NOVA ATLEE SOLOMON 1212 ET | 1800 | 3000 |
ABONXO FLAGSHIP SILVIA ET | 1800 | Non adxudicada |
CAMPA SOLOMON MEGADEA | 2500 | 3900 |
JAIME NODI VANHALEN 913 ET | 2100 | 3300 |
CUNDIS CISMA PINNACLE | 1800 | 3700 |
ABONXO FLAGSHIP SPECIAL ET | 2100 | Non adxudicada |
CASA NOVA POMPEYA TOOHOT 1180 | 2100 | 2300 |
CUNDINS IRENE INAX | 1800 | 3200 |
ABONXO BI BATTLE ARIZONA | 1800 | 1800 |
CUNDIS MIRIAM HOTLINE | 2100 | 6000 |
CAMPA CLEVER MITCIONERA 0308 | 2100 | 4000 |