A Consellería do Medio Rural ven de informar favorablemente sobre o regulamento de uso da marca de garantía “Pastores de Galicia” para distinguir no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida na nosa Comunidade asociada ao aproveitamento dos recursos naturais mediante pastoreo.
Así llelo comunicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos responsables da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), cos que mantivo onte unha xuntanza de traballo. O informe favorable de Medio Rural é necesario para que a asociación poda facer o rexistro da marca na Oficina Española de Patentes e Marcas.
Este colectivo será o titular e responsable desta nova marca, que amparará o gando nado, criado, cebado e sacrificado en Galicia. No regulamento establécese tamén que o réxime de explotación deste selo corresponderase coas técnicas e usos dos aproveitamentos dos recursos naturais en réxime de pastoreo. Neste documento recóllense as condicións de produción, elaboración e comercialización, características da carne, órganos e procedementos de control, así como de rexistro.