A Xunta saca a poxa 28 lotes de madeira que suman máis de 30.000 toneladas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Consellería do Medio Rural, cuxa poxa se celebrará o vindeiro 19 de abril

A Xunta saca a poxa 28 lotes de madeira que suman máis de 30.000 toneladas

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicará 28 lotes de madeira por 667.230,22 euros na próxima poxa pública electrónica de madeira, que se celebrará o 19 de abril en Pontevedra. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.

En total, os lotes suman máis de 30.000 toneladas de madeira de piñeiro do país, piñeiro insigne e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies.

Un total 24 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e sete máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira.

Como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente, os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural:
https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas

Enlace á resolución do DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información