Piden ampliar o listado de concellos galegos afectados polo lobo

Unións presentará unha solicitude á Xunta para que os municipios con danos poidan acollerse ás axudas específicas para zonas con alta incidencia de ataques que prevé a nova PAC

Piden ampliar o listado de concellos galegos afectados polo lobo

Para optar ás liñas de axudas as ganderías deberán de contar con medidas preventivas dos ataques.

A nova PAC prevé axudas específicas para aquelas zonas con alta incidencia de danos na gandería por ataques do lobo, polo que dende Unións Agrarias piden ampliar o listado de concellos afectados que manexa a Consellería de Medio Rural para asignar ditas axudas. Así, a organización agraria vai presentar no rexistro da Xunta de Galicia unha solicitude de rectificación do listado de concellos afectados polos ataques de lobo, ó detectar que o listado que manexaba a Consellería estaba obsoleto.

En concreto, a organización agraria detectou que a Consellería de Medio Rural estaba a propoñer un listado de concellos de alta incidencia por ataques do lobo que databa do ano 2009 cando se redactou o Plan Xestión do Lobo, e que deixaría fora a municipios nos que se teñen rexistrados numerosos ataques. En concreto, ese documento xa fora actualizado no 2021 pola Consellería de Medio Ambiente logo dos reiterados ataques ao gando, unha modificación pola que se incorporaron 22 concellos adicionais.

Ademais, UUAA vai reclamar que se inclúan nos censos varias zonas a maiores nas cales se rexistraran perdas recorrentes nas ganderías polos ataques do lobo e que ata o de agora non se incorporan ó listado de alta incidencia. Trátase de Piñor e San Cristovo de Cea en Ourense, Pedrafita e As Nogais nos Ancares, Bóveda e Cervo na Mariña, e Chantada na Terrachá.

Axudas para pastoreo en zonas que conviven co lobo

As axudas enmárcanse dentro da nova liña “Xestión sostible de pastos en zonas de convivencia con grandes carnívoros”, onde as superficies indemnizables estarán dentro dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia designados como zonas con presenza de grandes carnívoros. Poderán optar a estas axudas as explotacións que estean situadas nunha desas áreas, realicen pastoreo, dispoñan dun mínimo de 15 cabezas de gando maior ou equivalente, e conten con sistemas de vixilancia ou coidado do gando (dispositivos de xeolocalización e/ou cans de garda-mastíns). Nestas condicións, as explotacións poderían optar a uns pagos anuais compensatorios de ata 75 euros por hectárea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información