A poxa de seis machos de raza rubia galega organizada por Acruga celebrouse este sábado pola mñana en Adai (O Corgo-Lugo), con sorte desigual para estes exemplares, xa que mentres algúns quedaron desertos, tres deles alcanzaron cotizacións que superaron por bastante os prezos de saída.
En concreto, dous deles adxudicáronse en 2.650 euros, mentres que o último animal poxado, un macho procedente da gandería de Manuel López Quiroga, de Samos, foi vendido por 2.700 euros a un gandeiro do mesmo municipio de Samos. Os outros exemplares que alcanzaron bos prezos, chegados da nave de testaxe da propia Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega e dunha gandería do Corgo, irán parar a senllas explotacións da Fonsagrada e Paradela.
Segundo explicou o presidente da Acruga César Dorado ao termo da poxa, “a venda de touros é máis complicada que a de xovencas preñadas, xa que hai que escoller moi ben os machos que se necesitan nunha explotación”. A pesar diso, Dourado valorou a calidade dos machos presentados nesta poxa e destacou as excelentes cualificacións que estes exemplares teñen no libro xenealóxico así como a garantía que supón a súa xenética. De feito, cinco dos machos presentados hoxe en Adai contaban cunha categoría de “moi boa”.