A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA volveu rexistrar hoxe o mellor prezo pagado na historia deste mercado por unha vaca, o cal supón tamén o quinto mellor prezo pagado na Central por un exemplar de vacún maior. Faino ao superar soamente dúas semanas despois a cotización de dúas vacas que foron adquiridas o pasado 28 de setembro por 5.527€ cada unha.
A de hoxe é unha vaca de raza Rubia Galega nacida en decembro de 2013 propiedade dun operador comercial de Verín (Ourense) e adquirida pola empresa portuguesa Serragados Comércio de Gado por 5.627€.
Por riba desta cantidade na historia da Central soamente se sitúan os prezos pagados por catro exemplares, todos bois, os cales acadaron 6.782€, 6.006€, 6.001€ e 5.932€.