O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a relación das persoas beneficiarias das axudas que convoca a Consellería do Medio Rural aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. En total son 166 viticultores os que recibirán preto de tres millóns de euros para desenvolver accións que permitan reordenar e mellorar a produción vinícola galega.
A superficie de viñedo na que se vai actuar grazas a estas subvencións é de case 290 hectáreas. Por provincias, a maior parte corresponde a Pontevedra, con 123,5 hectáreas e 62 persoas beneficiarias. Séguelle Ourense con 92 hectáreas e 78 persoas beneficiarias. Na Coruña reestruturaranse 51,7 hectáreas de 12 persoas e en Lugo 21,9 hectáreas e 14 beneficiarios. Por zonas vitícolas, o maior número de persoas beneficiarias corresponde á Denominación de Orixe Rías Baixas (73), logo a de Valdeorras (29), seguida do Ribeiro (25), Ribeira Sacra (16) e Monterrei (22). Así mesmo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo cunha persoa beneficiaria.
Os principais obxectivos destas axudas son levar a cabo reaxustes estruturais que fagan diminuír os sobrecustos de produción das explotacións vitícolas de Galicia, onde predomina o minifundio. Ademais, conséguese a mellora das técnicas de xestión das viñas e reconversións varietais para optimizar a súa orientación ao mercado, adaptando as producións á demanda, á vez que se preservan as variedades viníferas autóctonas da nosa comunidade. Deste xeito, aprovéitase a elevada calidade diferenciada da uva como vantaxe competitiva nun mercado cada vez máis globalizado
O enlace á resolución no DOG é o seguinte