As 10 formas de quitarlle o leite ás vacas en galego

O galego é unha das linguas máis ricas en canto á variedade de verbos para designar o muxido das vacas, aínda que nos últimos anos estas formas propias están sendo substituídas polo verbo castelán “ordeñar”

As 10 formas de quitarlle o leite ás vacas en galego

Muxindo as vacas

“Muxir”, “Munguir”, “Monxer”, “Mecer”, “Munxir”…e así ata dez formas verbais diferentes converten ao galego nunha das linguas máis ricas dende o punto de vista léxico á hora de designar unha práctica milenaria como é a de quitarlle o leite ás vacas, e en menor medida a cabras e ovellas.

O secretario do Instituto da Lingua Galega e profesor do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago Compostela, Francisco Dubert García, asegura que “todas estas formas proveñen da palabra latina Mŭlgēre”. “Os verbos descendentes do latín mulgere e emulgere consérvanse na Península Ibérica só no Galego, nas falas do Norte de Portugal, no Asturiano, no catalán e nalgúns dialectos aragoneses e castellanos da montaña de Santander, mentres que no resto da Península, incluído o centro e sur de Portugal, impúxose a forma castellana ordeñar, ou ordeñar no caso do portugués”, explica Francisco Dubert.

Dez formas de dicir muxir en galego

Segundo os datos do Atlas Lingüístico Galego, as formas básicas rexistradas son muxir, munxir, muguir, munguir, monxer, mocer e moncer. Ó revés do que pasa no territorio portugués, non se rexistra ordeñar. Algúns puntos da costa pontevedresa, sobre todo na ría de Arousa, ofrecen diversas formas analíticas: quita-lo leite cabo de muxir en P.12, saca-lo leite en P.13, tirarlle o leite a carón de menxer (menos usado) en P.18, tirar o leite en P.21 e monxe-las vacas pero tirarlle o leite ás cabras en P.26.

Cómpre, en todo caso, sinalar a existencia dun amoxar ‘muxir’ no concello ourensán da Mezquita, cognada da portuguesa amojar, hoxe en vías de desaparición.. Tamén se rexistra amoxar co significado de “medrar o ubre da vaca antes de parir” tamén na Mezquita e en Porto (Zamora), relacionado co amojar portugués ‘encherse de leite o peito’.

As formas do verbo muxir en galego: 

muxir_formas_

Elaborado por Dubert & Sousa a partir de datos tomados da Cuestión 1648 do ALGa.

mapa_muxir_mulgere

Elaborado por Dubert & Sousa a a partir de datos tomados da Cuestión 566 do Atlas Lingüístico da Península Ibérica.

Fonte do texto: Dubert García, Francisco & Sousa Fernández, Xulio (2002): “Áreas lexicais galegas e portuguesas. A proposta de Cintra aplicada ó galego”, en R. Álvarez, F. Dubert García e X. Sousa Fernández (eds.), Dialectoloxía e Léxico, Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega / Consello da Cultura Galega, pp. 193-222.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información