A Xunta modificará a lexislación para facilitar a instalación de granxas de porcino

Unha adaptación normativa facilitará a instalación de granxas con maior seguridade xurídica e respectando a distancia a zonas habitadas. Medio Rural clarificará a lexislación neste ámbito, definindo con precisión o concepto de “casco urbano” no relativo á sanidade animal, que se referirá a un asentamento de poboación formado por, cando menos, 10 edificacións e un mínimo de 100 habitantes

A Xunta modificará a lexislación para facilitar a instalación de granxas de porcino

Granxa de porcino

A Xunta de Galicia facilitará a instalación de novas explotacións gandeiras no rural de acordo coa lei e sempre de xeito seguro tanto para os seus titulares como para a poboación en xeral. A Consellería do Medio Rural introducirá un cambio para clarificar a normativa vixente sobre as distancias das granxas a núcleos de poboación.

Unha nova disposición no Anteproxecto de lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación aclarará, a tales efectos, o concepto de “casco urbano”. Así, este termo quedará definido como un asentamento de poboación formado por, cando menos, 10 edificacións e un mínimo de 100 habitantes. Deste xeito propíciase a posta en marcha de explotacións con seguridade xurídica para os seus promotores e para o resto da veciñanza.

Trátase de clarificar esta nomenclatura para determinar con maior precisión as distancias das granxas –sobre todo de porcino– ás zonas poboadas. A norma fala de 1 quilómetro dende estas explotacións aos cascos urbanos, por contraposición ás “zonas rústicas”, pero faltaba definir con exactitude o devandito concepto, para evitar confusións na aplicación da lei.

Deste xeito, a normativa establece 1000 metros de distancia aos cascos urbanos para a construción de novas granxas en intensivo e sen base territorial (porcino e avícolas). E para os núcleos rurais, a Lei do Solo de Galicia establece un mínimo de 500 metros ou o que estableza o Plan Urbanístico do concello.

Esta medida beneficiará aos promotores de novas explotacións á hora de solicitar a preceptiva licenza municipal e tamén aos concellos, que disporán dunha maior claridade á hora de interpretar e cumprir as normas sobre sanidade animal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información