Xulio Rodríguez: Un exemplo de profesionalización no sector da horta en Galicia

Xulio Rodríguez é produtor de horta en Mondoñedo e presidente de Labregos de Lugo SAT, unha sociedade que agrupa a 5 produtores lucenses e que xa subministra a importantes cadeas de distribución e de froiterías

Publicidade
Xulio Rodríguez: Un exemplo de profesionalización no sector da horta en Galicia

Xulio Rodríguez na súa horta con dous dos seus produtos estrela: o repolo e a couveflor

Xulio Rodríguez Bermúdez é un produtor de horta de Mondoñedo, un concello da Mariña lucense que polas súas condicións de humidade, temperatura e proximidade ao mar reúne condicións óptimas para a produción de horta.

A súa vinculación ao sector da horta ven de lonxe. El xa é a terceira xeración de horticultores no barrio mindoniense de San Pedro, un lugar solleiro e en ladeira no que outros dous veciños tamén se dedican profesionalmente a este sector. “Podo presumir de ser un horticultor de terceira xeración e dende pequeno mamei co meu avó e co meu pai moitos mercados en Vilalba, Lugo ou Meira, a onde iamos vender os nosos produtos”, destaca.

Pero Xulio tivo en mente dende o comezo que quería traballar doutro xeito, non só no que se refire á mellora técnica senón, o que é máis difícil, a traballar en equipo con outros produtores. “A Sat Labregos de Lugo naceu da iniciativa dalgúns agricultores que tiñamos inquedanzas polo cooperativismo. No ano 2006 viaxamos a zonas produtoras de horta en Navarra, La Rioja e tamén en Francia, e esas viaxes abríronnos os ollos de que a única posibilidade de abastecer os mercados e de saír adiante como produtores de horta era estando unidos e traballando de forma coordinada”, afirma convencido.

“Planificamos cos clientes a produción e acordamos un prezo fixo para a campaña”

Finalmente decidiron optar pola fórmula da SAT e hoxe en día Labregos de Lugo agrupa a 5 socios: tres na Mariña -Xulio, outro produtor da Pontenova e outro de Riotorto- e outros dous no centro da provincia, nos concellos de O Corgo e de Guntín.

A infraestrutura da SAT é mínima: “Temos en común unha nave alugada no concello de Riotorto, onde temos algo de maquinaria para o envasado, e logo cada un temos nas nosas casas os nosos almacéns”, explica Xulio.

En total, entre os 5 socios cultivan algo máis de 30 hectáreas de horta ao aire libre e 1 hectárea baixo invernadoiro entre tres dos socios. Suman un total de 15 postos de traballo ao longo do ano, que se poden incrementar de forma puntual nos momentos de maior produción.

Cultivan principalmente repolo –o seu produto estrela, con distintas variedades que ofrecen ao mercado durante 9 meses- couveflor, brócoli, cabaciño, tomate, leituga, cabaza, xudía, cebola ou porro. Mercan a planta e os abonos en conxunto para abaratar custos e venden todo o seu produto baixo a marca “Labregos de Lugo”.

“Plantar sen saber a quen llo vas vender non é viable”

A súa principal fortaleza no mercado é a frescura xa que ningunha das súas hortalizas e verduras pasa por cámara de refrixeración, como sucede coas que proceden doutras comunidades autónomas e doutros países, que solen pasar varios días dende que se cortan na finca ata que chegan ao punto de venda. “Unha leituga, unha acelga, unha coliflor recén cortada nótase na presenza e no sabor á hora de comela. Por iso se está a apostar dende hai un tempo polo produto local e galego e nós garantimos esa frescura porque cortamos o produto no campo, baixo pedido, e non temos cámara”, subliña Xulio.

Para iso, recoñece que tiveron que “cambiar o chip” nos horarios de traballo. “Xa hai moitos anos que traballamos os domingos e sábados pola tarde, e libramos os venres, para poder ter abastecidos os mercados o luns. Recollemos de día e cargamos de noite ou moi de madrugada para situar ese produto en calquera punto de venda en Galicia ou en Asturias ao día seguinte pola mañá”, explica.

En canto á comercialización, tiveron claro dende un principio que o seu mercado non estaba no entorno máis cercano da Mariña, “xa saturado por produtores locais, nin tampouco na área da Coruña, onde xa hai horticultores de Bergantiños e das Mariñas que levan anos traballando ese mercado”. Pola contra, optaron pola cidade de Lugo e polas áreas urbanas de Vigo e de Pontevedra.

Nun principio apostou por eles a desaparecida cadea de supermercados Cemar, con presenza importante na cidade de Lugo. “Eles dende un comezo apostaron polo noso produto. Sempre lembrarei que chegamos onda o propietario e díxonos que lle serviramos produto dende o día seguinte. As cadeas de distribución galegas deberían seguir este exemplo e apostar polo produto galego”, recorda Xulio.

Traballar unidos permítelles garantir o subministro e negociar mellor os prezos

Tamén probaron ao comezo en Mercamadrid pero acabárono desbotando ao igual que outros mercados centrais, porque consideran que “neles hai moita especulación cos prezos”. “A conclusión á que chegamos -afirma- é que o mellor é pechar acordos coas cadeas de distribución, froiterías e tamén coa restauración e que os grupos de produtores colaboraremos entre nós para non pisarnos os clientes e, se é preciso, xuntar volume para asegurar o subministro”.

Deste xeito, a día de hoxe os produtos de Labregos de Lugo poden atoparse en cadeas de froiterías como Frutas Morriña, Frutas Nieves e Frutas Sol, na provincia de Pontevedra. Ademais, e trala súa integración como socios na cooperativa galega Horsal, venden a grandes cadeas de distribución como Vegalsa, Dia, Mercadona ou Lidl. “Por desgracia, -lamenta- non estamos noutras cadeas galegas como Gadisa ou Froiz, porque teñen un sistema de traballo que non encaixa co noso, pois pídennos entregar todos os días todas as referencias que temos, o que nos encarece os custos e nos require moito máis tempo”, explica.

Para garantir o subministro tanto en volume, en prazos e nas calidades acordadas, os socios de Labregos de Lugo fan unha planificación previa dos cultivos cos seus clientes, para ver cales son os produtos que van demandar e acordan un prezo medio para toda a campaña, “que se sole respectar”. “Sobre iso facemos os 5 socios unha planificación en común, e se hai xente con terras e clima adaptado para cebola, céntrase máis nese cultivo, e ao produtor ao que se lle dá mellor, por exemplo, o repolo aposta máis por iso”, explica. Iso si, solen plantar entre un 20 e 30% máis de produto sobre o calculado para cubrir mermas por inclemencias do tempo ou por enfermidades. E se sobra, fan algunha oferta co cliente ou sácano por outras vías, como por exemplo mediante doazóns aos Bancos de Alimentos.

“A unión é o que nos vai dar a forza e seriedade á hora de negociar cos clientes”

Non obstante, no que consideran cultivos estratéxicos por volume, como o repolo ou o porro, cultívano en varias explotacións para diversificar riscos. “A clave -destaca- é garantir o subministro ao cliente durante o período acordado. Non lle podes dicir como provedor que hoxe tes produto e mañá non, pois do contrario as cadeas mercan fóra, en Mercamadrid ou en Mercabarna, onde si se lles garante o subministro”, engade.

En canto ao prezo lineal para toda a campaña, Xulio Rodríguez asegura que “en Labregos de Lugo cremos que é o máis xusto, porque che permite calcular custes e facer unha planificación”. “Sabes cando estás plantando a quen llo vas vender, canta cantidade, cando e a que prezo. E iso é a clave na horta, o contrario non ten futuro”, advirte.

A outra clave é a formación dos horticultores e a unión entre eles. “Debemos resistir a tentación de vender por fóra da cooperativa ou da SAT cando o prezo do mercado é maior, e apostar por un prezo fixo ao longo do ano. A unión é o que nos vai dar a forza e seriedade á hora de sentármonos a negociar coa distribución”, remacha.

Plantación de repolo de Xulio Rodríguez

Retos de futuro: traballar sen herbicidas

En Labregos de Lugo os socios traballan en produción integrada, intentando empregar o mínimo de abonos químicos, herbicidas e produtos fitosanitarios. Así, rotan os cultivos en cada parcela, de forma que ata dentro de 3 anos non se volve repetir, e utilizan abonos verdes, como nabos ou cebada, para mellorar a fertilidade do solo e reducir o uso de herbicidas.

Precisamente este é un dos retos máis inmediatos destes horticultores: “Estamos intentando non utilizar herbicidas e eliminar as malas herbas só por procedementos mecánicos, mediante unha sachadora moderna. Agora estamos nun sistema híbrido, e eu por exemplo sacho con cabalo, cunha sachadora de 5 púas, como se facía antigamente. Pero queremos eliminar por completo o uso de herbicidas nas nosas parcelas, tanto por filosofía vital como porque cremos que vai ser o futuro”, recoñece Xulio Rodríguez. “E estamos abertos a producir en ecolóxico, se o mercado fai a aposta”, subliña.

“A administración debería poñerse as pilas coa etiquetaxe da orixe dos produtos de horta”

Outra das arelas de Labregos de Lugo é que se cree unha Indicación Xeográfica Protexida ou unha Denominación de Orixe para a horta producida en Galicia, permitindo diferenciala doutra que entra a menor prezo doutros países. Neste sentido, lamentan que “se siga atopando no supermercado produtos que levan un nome galego, como unha pataca que pon Xoia da Terra e que está envasada por unha empresa galega pero logo ves que a orixe é Cádiz ou Francia”.

Neste sentido, Xulio Rodríguez reclámalle á administración “que se poña as pilas no tema da etiquetaxe, de forma que a orixe dos produtos debería figurar con letras grandes para non enganar ao consumidor e a distribución tamén se debería implicar para etiquetar de forma máis clara”.

Malia os obstáculos, este horticultor de Mondoñedo amósase orgulloso dun traballo que lle permite compartir máis tempo cos seus fillos, no que cada día é diferente e no que se traballa en pleno contacto coa natureza. “Dáme felicidade sacar adiante un proxecto coma este, aínda que haxa momentos do ano nos que esteas apurado de traballo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información