O Grupo Operativo MIKOGEST convida a propietarios forestais, xestores e profesionais da recolección, comercialización e transformación de cogomelos silvestres a asistir e participar nunha xornada semipresencial titulada O recurso micolóxico como un activo máis das fincas forestais, que se celebrará o vindeiro mércores, día 28 de xullo, a partir das 9:30 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Lugo.
Nesta xornada preténdese dar a coñecer ferramentas tecnolóxicas, modelos produtivos e iniciativas sectoriais que axuden a mellorar a xestión e aproveitamento sostible do recurso e avanzar nos acoutados micolóxicos dos montes galegos. Para participar é necesario inscribirse cubrindo o seguinte formulario.
Antonio Rigueiro profundará no coñecemento dos cogomelos como un recurso máis das masas forestais galegas
Tamén se profundará no coñecemento dos cogomelos como un recurso máis das masas forestais de Galicia nun relatorio a cargo de Antonio Rigueiro Rodríguez, doutor enxeñeiro de Montes e catedrático da EPSE de Lugo (USC).
Nova asociación para profesionalizar o sector
No transcurso da xornada presentarase tamén a recentemente creada Asociación de Recolectores Profesionais de Cogomelos Silvestres, que nace para contribuír á organización socioeconómica do sector, e proxectarase en primicia o vídeo Mellora do aproveitamento do recurso micolóxico: Os cogomelos.
MIKOGEST é un proxecto de innovación que pretende dinamizar a xestión do recurso micolóxico mediante ferramentas baseadas nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), garantindo a sustentabilidade no aproveitamento e a trazabilidade na cadea de valor, ofrecendo información útil tanto ao recolector como ao sector empresarial mediante un sistema de recollida e análise Big Data (capacidade produtiva de hábitats en tempo real e parámetros precisos da demanda, comercialización e xestión do recurso). Tamén aposta pola profesionalización dos recolectores a través da formación, o asociacionismo e a fiscalidade.
MIKOGEST é un proxecto de innovación que pretende dinamizar a recolección de cogomelos mediante ferramentas tecnolóxicas
O proxecto de innovación do grupo operativo MIKOGEST ten unha duración de dous anos e foi beneficiario dunha axuda a proxectos de innovación de interese xeral de grupos operativos (AEI-AGRI) no marco do programa nacional de desenvolvemento rural 2014-2020 (FEADER) na convocatoria 2019, cun orzamento total de 584.000€ (467.200€ FEADER e 116.800€ AGE).
Os cogomelos en Galicia: un sector con futuro
A recolección de cogomelos na comunidade galega, tanto para consumo propio como para a comercialización, aumentou nas últimas décadas, ao mesmo tempo que ía crecendo o interese pola micoloxía e os cogomelos conquistaban un lugar privilexiado no mundo da gastronomía. Pero a pesar de ser un recurso tan valioso, a súa importancia económica é moi difícil de cuantificar.
Distintos estudos e traballos ofrecen os seguintes datos para Galicia:
- Produción media: 45 kg/ha.ano (Produtividade, Xunta Galicia, 2003)
- Ingresos de recolectores: 24-30 millóns de €/ano (Rigueiro, 2001)
- Especies colleitadas: 55 (Sinde, 2015)
- Superficie media propietario particular: 1,5-2 ha, en varias parcelas de tamaño medio 0,23 ha (Xunta de Galicia, 1992)
A recolección de cogomelos con importancia comercial nos montes galegos realízase maioritariamente de piñeirais, soutos de castiñeiros e carballeiras, e as especies que teñen maior importancia económica son:
- Boletos, andoas, bolouros do grupo edulis ( Boletus edulis, B. reticulatus, B. aereus e B. pinophilus)
- Níscalos, fungos dá muña, lactouros (Lactarius deliciosus, L. sanguineus, L. semisanguineus, L. scrobiculatus)
- Cantarelas do grupo cibarius e especies afíns ( Cantharellus cibarius, C. pallens, Craterellus lutescens, C. tubaeformis)
- Outras especies colleitadas, como a lingua de vaca ( Hydnum repandum, H. rufescens), os tortullos ( Tricholoma portentosum, T. terreum), e algunha outra, teñen importancia menor.