Lorenzo López, responsable dunha das maiores cadeas de hoteis de Canarias, Hoteles López, e orixinario do concello lucense de Pantón, está a traballar para recuperar e poñer en produción unhas 100 hectáreas de viñedo no seu municipio natal, o que o convertería nun dos principais adegueiros da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Despois de abandonar con 17 anos a súa parroquia natal de Deade, este emigrante traballou en Alemaña e posteriormente en Canarias, onde posúe 7 complexos hoteleiros en Gran Canaria e en Fuerteventura, que suman unhas 5.000 habitacións.
Agora quere reinvestir parte da súa fortuna na súa terra natal nun proxecto que engloba, ademais do viñedo, a adquisición e recuperación para a hostalaría da antiga casa reitoral de Pantón, e a apertura dunha gasolineira na estrada N-120. En total, o investimento podería rondar os 15 millóns de euros.
800.000 botellas con destino aos seus hoteis de Canarias
En canto ao viñedo, segundo fontes do sector vitivinícola, a través da creada Adega O Castro xa adquiriu 80 hectáreas, principalmente na parroquia de Espasantes. O seu obxectivo é plantar variedades brancas, Godello e Treixadura, coa intención de chegar a elaborar unhas 800.000 botellas con destino aos seus hoteis de Canarias, así como para a exportación a Alemaña.
“É un proxecto serio. Primeiro veu falar co Consello Regulador, tamén llo planteou ao Concello de Pantón e foi adquirindo propietario a propietario unhas 80 hectáreas, o que en Galicia é un auténtico logro. Non é un cazasubvencións nin un que fai as cousas sen preguntar. Ten un proxecto serio que están sendo dirixido dende o punto de vista técnico polo Grupo Abante de Monforte, con recoñecida experiencia no sector”, sinalan fontes coñecedoras da iniciativa.
Ademais da creación de postos de traballo directos -só para o mantemento das 100 hectáreas de viñedo serían precisas unhas 20 persoas- os viños de Lorenzo López non competirían cos do resto da DO, xa que os brancos só supoñen un 7% da produción, de Ribeira Sacra, e suporían un importante apoio publicitario para esta comarca.