Ternera Gallega aumenta vendas no 2020 e incorpora un certificado de benestar animal

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP), que ten a súa principal vía de consumo no fogar, incorporou o pasado ano máis dun cento de establecementos novos a súa rede de distribución. Os prezos, sen embargo, caíron de media uns 25 – 30 céntimos por Kg. canal

Ternera Gallega aumenta vendas no 2020 e incorpora un certificado de benestar animal

Presentación da nova certificación en benestar animal de Ternera Gallega.

Ternera Gallega presentou o seu tradicional balance de actividade de cada ano cunha novidade salientable. Desde este mes de abril, toda a carne da Indicación comercialízase cun certificado de benestar animal, un selo co que busca principalmente “adaptarse ás demandas dos consumidores e das cadeas de distribución”, segundo explicou o presidente do consello regulador, Jesús González.

A certificación en benestar animal de Ternera Gallega garante que os animais teñen os axeitados coidados durante a súa crianza. O sistema establecido pola Indicación Xeográfica céntrase na observación e avaliación dos animais en campo, pois os inspectores da IXP auditan o 100% das granxas e industrias.

Nas granxas, compróbanse un total de 66 parámetros, correspondentes a 8 bloques (Alimentación, Bebida, Ambiente, Supervisión e documentación, Instalacións, Manexo, Sanidade Animal e Comportamento).

No caso de detectarse aspectos a correxir, márcaselle un prazo á gandería para efectuar os cambios oportunos, valorando tamén se se trata de incumprimentos leves ou máis serios. O presidente da IXP, Jesús González, subliñou que o proceso reforza as garantías de calidade e orixe da carne de Ternera Gallega.

Outro beneficio da certificación, que se destaca no novo etiquetado de Ternera Gallega, é que prepara ás granxas para adaptarse ás futuras esixencias europeas na materia, agardadas para o próximo ciclo da PAC, actualmente en negociación.

Novo etiquetado da carne da IXP.

Novo etiquetado da carne da IXP.

Aumento de canais certificadas e de 1.300 toneladas en vendas

A pandemia da Covid tivo un impacto limitado nas vendas das industrias ligadas a Ternera Gallega. Os números do 2020 da IXP revelan que logrou un crecemento do 6% en volume de carne comercializada, chegando a 22.562 toneladas, o que supón 1.327 toneladas máis que o ano anterior. Tamén houbo suba nas canais certificadas, que chegaron a 99.238 (+ 3.134), e nas ganderías inscritas no selo, que son 8.354 (+56 no último ano).

Os primeiros meses do 2021 confirman a continuación da tendencia do pasado exercicio, pois o primeiro trimestre do 2021 pechouse cunha suba de vendas do 5% en relación ó primeiro trimestre do 2020, que xa fora positivo.

A explicación da boa evolución da IXP en plena pandemia, con restriccións e peches na restauración, céntraa Jesús González no aumento da rede de distribución da Indicación, que se basea principalmente nos supermercados. Ternera Gallega chegou a acordos no 2020 para comercializar en Lidl e nos supermercados Masymas, co que logrou máis dun cento de novos establecementos de venda.

Os supemercados supoñen xa máis do 70% das vendas de Ternera Gallega, en tanto carnicerías (11%) e hipermercados (11%) completan os principais canais para o selo, quedando un 2,2% para outras vías (restauración, cash & carry, etc.).

En canto ás vendas a nivel xeográfico, cómpre destacar que continúan as exportacións a Alemania e Portugal, que se poderían reforzar en próximos meses con algún país máis de Centroeuropa. En volume de mercado, as vendas ó exterior representan arredor do 3%. Galicia continúa a ser o principal mercado (50%), seguido do resto de España (47%).

Baixada de prezos
As boas vendas contrastan, sen embargo, cunha baixada significativa dos prezos da IXP, con caídas de 30 – 50 céntimos a pasada primavera e sen unha suficiente recuperación posterior. De media, as cotizacións foron uns 25-30 céntimos máis baixas no 2020, segundo os datos da Mesa de Prezos da Indicación, que se reúne semanalmente en Amio.

“Os prezos da carne no campo baixaron máis do xustificado” (Jesús González, presidente do Consello Regulador)

O presidente do consello regulador recoñece que os prezos dos tenreiros “baixaron máis do xustificado”, principalmente polas complicacións derivadas da pandemia, que dificultaron a comercialización das pezas tradicionalmente consumidas na restauración, sobre todo no periodo abril – xuño.

Outra dificultade engadida debeuse a que o confinamento do pasado ano coincidiu coa primavera, a época na que máis gando hai para comercializar, debido á falta de planificación dos partos.

Desde a Indicación Xeográfica márcanse o obxectivo de avanzar na planificación de partos, de cara a ter unha oferta máis regular todo o ano que lle permita ás industrias manter un suministro estable cos puntos de venda.

De tódolos xeitos, a saída da carne mantense en xeral fluída todo o ano, quitando a pasada primavera, pois “a penas se empregou” a autorización vixente para a conxelación de pezas de carne da IXP -que deberán precisar na súa posterior comercialización que foron sometidas a conxelación-, segundo explica Jesús González.

Máis marxe polo cambio no prego de condicións
Como elemento que paliou a pasada primavera os altos stocks de gando, Ternera Gallega lembra que en febreiro do 2020 modificárase o prego da IXP para permitir na categoría Ternera Gallega a comercialización de canais con menos de 12 meses, o que fixo que non se depreciasen os tenreiros de 10 e 11 meses, que normalmente quedaban fóra ou tiñan que comercializarse como Anellos.

“En todo caso, esta medida está pensada para mellorar a saída dos animais nos meses de máis abundancia (primavera), non para que sexa utilizada con regularidade todo o ano”, precisan.

Ano difícil para a IXP Vaca Galega / Boi Galego

A carne de vacún maior foi a máis afectada polo peche da restauración, o que derivou nun estancamento da IXP Vaca Galega / Boi Galego no 2020, que só identificou 2.071 animais no campo, polos 4.982 do ano anterior. En comercialización, o volume de carne certificada foi de 186 toneladas, polas 192 do 2019.

A nacente Indicación, sen embargo, continuou medrando nas cifras de adhesión, con 89 ganderías máis inscritas, chegando a 1.014, e con 4 industrias máis, chegando a 32. En canto a pandemia comece a superarse, a perspectiva do consello regulador é impulsar a campaña de captación de novas ganderías e industrias.

Como xa fixera o pasado ano, o presidente do consello regulador aproveitou a presentación do balance de actividade para chamar á industria a implicarse no uso da certificación Vaca Galega / Boi Galego, “pois trátase dunha aposta para xerar riqueza e para acabar coa picaresca comercial dun mal uso do nome de Galicia”, valora.

Para este 2021, espérase tamén que Bruxelas lle conceda a autorización definitiva á IXP, pois polo de agora está funcionando cunha protección nacional transitoria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información