Subas nos prezos dos becerros e o vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha recuperación xeral das cotizacións nos becerros de recría e carniceiros e no vacún maior. Soben os leitóns e mantense sen cambios o mercado do ovo

Subas nos prezos dos becerros e o vacún maior en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), experimentou esta semana unha recuperación xeral dos prezos logo de que na feira pasada se rexistraran baixadas en boa parte das categorías. Este martes houbo subas na recría, en especial nos becerros de cruces industriais. Tamén houbo incrementos nos prezos dos tenreiros carniceiros e no vacún maior. As mesas de prezos do porcino acordaron aumentos para as cotizacións dos leitóns e mantense sen cambios o porco cebado. Tampouco houbo variacións no mercado do ovo e o coello experimenta unha baixada tras máis dun mes asentado no mesmo prezo.

No caso da recría, os becerros frisóns só experimentaron subas nos machos de máis de 50 días, que lograron un incremento de 17 euros e cotízanse a 132 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia, mantivéronse sen cambios, asentados nos 105 euros. Mentres, os animais máis novos, os de menos de 20 días, experimentaron unha baixada de 8 euros e quedan en 83 euros.

Os becerros de cruces industriais lograron subas en boa parte das categorías. Nos tenreiros de menos de 20 días, houbo un incremento de 32 euros e acadan os 256 euros. Nas femias a suba foi de 6 euros e conseguen os 175 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, outra das seccións con destacada afluencia de gando, produciuse unha suba de 22 euros, o que deixa un prezo medio de 302 euros. Nas femias desta categoría rexistrouse un incremento de 20 euros e están a 228 euros. A excepción produciuse nos becerros de máis de 50 días, onde os machos descontaron 49 euros e as femias 2 euros, de xeito que se cotizan a 330 e 240 euros respectivamente.

A tendencia tamén foi á alza nos becerros carniceiros, aínda que con algunhas excepcións. Unha delas foron os machos frisóns, que descontaron 242 euros con respecto do prezo fixado a semana pasada, co que se atopan a 583 euros. Nas femias frisoas o prezo medio foi de 694 euros, o que supón unha suba de 217 euros con respecto da feira do 16 de novembro, a última na que se chegou a adxudicar unha tenreira desta raza. Nos becerros de cruzamentos industriais tamén houbo unha rebaixa de 4 euros con respecto da semana pasada e cotízanse a 838 euros. As femias lograron un aumento de 45 euros e conseguen un prezo medio de 824 euros. Nos exemplares de Rubia Galega produciuse un incremento de 19 euros nos becerros e de 30 euros nas tenreiras, de xeito que se cotizan a 883 e 870 euros respectivamente. Os animais que se comercializan baixo o selo Ternera Gallega Suprema lograron un prezo medio de 952 euros, o que supón unha suba de 103 euros.

No vacún maior houbo subas en boa parte das categorías. As vacas extra están a 2.030 euros, logo dun aumento de 38 euros. Nos animais de primeira o aumento foi de 24 euros e sitúanse nos 1.154 euros. Os exemplares de descarte tamén lograron un incremento de 4 euros e atópanse cun prezo medio de 471 euros. Mentres, nas vacas de segunda produciuse unha baixada de 4 euros que as sitúa nos 716 euros. Tamén os animais co selo Vaca e Boi da IXP Ternera Gallega experimentaron unha baixada, neste caso de 39 euros, e cotízanse a 1.890 euros.

Central agropecuaria Galicia vacun 30_11_2021

Subas nos leitóns

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron manter as cotizacións do porco cebado sen cambios e fixaron novas subas nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle están a cotizarse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Os leitóns experimentaron unha suba de 2 euros. Os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 32 euros (cun prezo de 1,6 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 27 euros e teñen un prezo por quilo de 1,35 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. Nas galiñas de desvelle tampouco se produciron variacións e continúan a cotizarse a entre os 0,19 e os 0,26 euros por quilo.

O coello experimentou esta semana unha baixada de 0,20 euros. Así, cotízase a 2,05 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Galicia Porcino 30_11_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información