Subas nos becerros de recría frisóns e nos carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra incrementos dos prezos da recría frisoa e nos becerros carniceiros. Baixadas en boa parte das categorías do vacún maior. Seguen á baixa os leitóns e os ovos

Subas nos becerros de recría frisóns e nos carniceiros en Silleda

Gando no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca, rexistrou este martes subas na recría de raza frisoa, mentres que os cruzamentos industriais acusaron destacadas reducións do prezo. Os becerros carniceiros experimentaron subas en case tódalas categorías. No vacún maior a tendencia foi á baixa. Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado estabilízase e os leitóns continúan con reducións, ó igual que os ovos que tamén tiveron novas baixadas esta semana.

En concreto, na recría, os becerros frisóns experimentaron subas dos prezos en varias categorías. Así, os animais con menos de 20 días pasaron a cotizarse a 84 euros tras unha suba de 8 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa do mercado, rexistrou un incremento de 10 euros e acadan os 107 euros. Os machos de máis de 50 días continúan esta semana sen cambios, a 131 euros.

A tendencia na recría de cruzamentos industriais foi á baixa, con excepcións, sobre todo nas femias. Os becerros de menos de 20 días acusaron unha baixada de 66 euros ata situarse en 170 euros. Nas femias desta sección, pola contra houbo un incremento de 40 euros. Os exemplares de entre 20 e 50 días tamén lograron unha suba dos prezos, de 7 euros, e acadan os 289 euros. As femias desta categoría incrementaron o seu valor en 9 euros ata os 207 euros. A baixada máis acusada produciuse nos animais de máis de 50 días que descontaron 72 euros nos machos, pasando a cotizarse a 352 euros. Nas femias a baixada foi de 12 euros, ata os 283 euros.

Esta semana os becerros carniceiros experimentaron unha recuperación en boa parte das razas. Os tenreiros de cruces industriais sumaron 99 euros ata lograr un prezo medio de 916 euros. Nas femias a suba foi de 46 euros para acadar os 765 euros. Nos animais de Rubia Galega houbo un incremento de 95 euros para os machos, de xeito que se sitúan a 974 euros, mentres as femias descontaron 8 euros e quedan en 797 euros. Os becerros frisóns tamén acusaron unha baixada, neste caso de 29 euros, e cotizan a 603 euros de media. En canto ós animais co selo Ternera Gallega Suprema acadaron un prezo medio de 943 euros, o que supón 93 euros máis que a semana pasada.

No vacún maior a tendencia foi á baixa. As vacas da categoría extra descontaron 60 euros e teñen un prezo medio de 1.810 euros. Nas vacas de segunda o prezo medio foi de 710 euros, logo dunha baixada de 21 euros. Tamén os animais de desfeito tiveron unha redución do prezo (4 euros) e agora atópanse nos 483 euros. A única suba produciuse nas vacas de primeira, que lograron incrementar o seu valor en 19 euros e acadan un prezo medio de 1.140 euros. Os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia tamén cotizaron á alza. O prezo medio foi de 2.179 euros, o que supón unha suba de 542 euros con respecto da semana anterior.

Central Agropecuaria Galicia Vacuno 04_05_2021

Nova baixada nos leitóns

As mesas de cotizacións do porcino acordaron unha baixada dos prezos dos leitóns, mentres que o porco cebado continúa tamén sen cambios esta semana. Así, o porco selecto e o normal cotízanse a 1,515 e 1,490 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II están a 1,935 euros. Os porcos de desfeito sitúanse entre os 0,77 e os 0,83 euros o quilo.

Nos leitóns a baixada foi esta semana de 6 euros para tódalas categorías. Os animais de 20 quilos procedentes dunha única gandería quedan en 69 euros, cun prezo de 3,45 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 3,2 euros o quilo e o exemplar ten un valor de 64 euros.

No mercado do ovo tamén houbo unha baixada dos prezos. Os ovos da XL son os únicos que se manteñen sen variacións, e cotízanse a 1,64 euros a ducia. Mentres, o resto de categorías acusaron unha baixada de 0,02 euros de xeito que os da L cotízanse a 1,21 euros, os da M páganse a 1,08 euros e os da S quedan en 0,84 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, experimentaron unha suba de 0,01 euros e quedan entre os 0,13 e os 0,20 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo cotízase a 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Galicia Porcino 04_05_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información