Subas nos becerros de recría en Silleda

Os animais destinados á recría cotizan á alza na Central Agropecuaria. Os becerros carniceiros incrementaron o seu prezo e houbo baixadas no vacún maior. As mesas do porcino e o ovo volven ter novas subas

Subas nos becerros de recría en Silleda

Becerros frisóns no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas na recría tanto de raza frisoa coma nos cruzamentos industriais. Nos becerros carniceiros houbo incrementos para os cruces industriais pero baixadas na Rubia Galega. No vacún maior, a tendencia foi á baixa esta semana. As mesas do porcino e o mercado do ovo continúan con novas subas para tódalas seccións e o coello mantense estable.

En canto á recría, nos becerros frisóns os animais de menos de 20 días incrementaron o seu valor en 22 euros ata acadar os 95 euros. Para os becerros de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa, o prezo incrementouse en 21 euros, de modo que se cotizan a 117 euros. A suba máis destacada, 36 euros, veu cos exemplares de máis de 50 días, que teñen un prezo medio de 141 euros.

Na recría de cruzamentos industriais a tendencia foi tamén á alza. Nos tenreiros máis novos houbo un incremento de 53 euros, deste xeito acadan os 231 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, coa suba de 7 euros, sitúanse a 269 euros. No caso dos animais de máis de 50 días o aumento foi de 80 euros e quedan en 462 euros.

Esta semana, nos becerros carniceiros de cruces industriais apreciouse unha suba de 10 euros que os deixa en 789 euros. Nas femias, pola contra, reduciuse o seu valor 5 euros, de modo que se cotizan a 707 euros. Tamén houbo baixadas para os machos de Rubia Galega, que pasaron a 838 euros tras descontar 43 euros. Para as tenreiras houbo mellor sorte e tiveron unha suba de 6 euros para situarse nun prezo medio de 738 euros. O único exemplar frisón adxudicado vendeuse por 267 euros, moi afastado dos 528 euros fixados como prezo medio a semana pasada. As dúas femias desta raza marcaron un prezo medio de 192 euros. Os exemplares co selo Ternera Gallega cotizáronse a 815 euros, 37 euros por debaixo da pasada feira.

No vacún maior a tendencia foi á baixa, só coa excepción das vacas de segunda, que cunha suba de 2 euros cotizan agora a 728 euros. Nos animais de primeira houbo unha baixada de 4 euros e quedan en 1.110 euros. Tamén experimentaron unha baixada as vacas extra, que ó descontar 43 euros sitúanse en 1.865 euros. Nos exemplares de desfeito a redución foi de 11 euros e cotízanse a 453 euros. O único animal co selo de Vaca e Boi de Galicia estableceu un prezo semanal de 1.100 euros.

Central-Agropecuaria-Vacuno-23_03_2021-1

Continúan as subas no porcino e os ovos

O porco cebado e os leitóns experimentaron esta semana novas subas en tódalas seccións. En concreto, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,06 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,465 e 1,440 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,078 euros, e acadan así un valor medio de 1,870 euros. Nos porcos de desfeito o incremento de 0,03 euros fai que se coticen entre os 0,82 e os 0,88 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 5 euros. Así, os animais procedentes dunha única gandería acadan os 83 euros, cun prezo de 4,15 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 3,9 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 78 euros.

No mercado do ovo houbo subas en tódalas seccións. Nos ovos da categoría XL este incremento foi de 0,01 euros, polo que quedan en 1,66 euros a ducia. Os ovos da L e a M experimentaron unha suba de 0,04 euros e agora a ducia sitúase en 1,27 e 1,14 euros, respectivamente. Os ovos da S aumentaron o seu valor en 0,02 euros de xeito que acadan os 0,91 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, experimentaron unha suba de 0,01 euros, polo que quedan cun prezo de entre os 0,12 e os 0,19 euros por quilo.

O prezo do coello continúa esta semana a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-Porcino-23_03_2021-2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información