Subas no vacún maior e recuperación dos prezos dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia volve rexistrar valores históricos para o vacún maior e unha suba xeral das cotizacións deste gando. Recupéranse os prezos dos tenreiros carniceiros e increméntase o valor da recría. Subas nos leitóns e no mercado do ovo

Subas no vacún maior e recuperación dos prezos dos becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha nova sesión de máximos ó acadar un novo prezo histórico para boi vendido por 8.579 euros. Ademais acadouse o maior volume de transaccións e a maior afluencia no que levamos de ano. Neste contexto, os prezos do vacún maior tamén cotizaron á alza.

Á par tamén se produciron subas na recría, en especial nos cruzamentos industriais. Do mesmo xeito, houbo unha recuperación dos prezos dos becerros carniceiros. Na mesa de cotizacións do porcino, os leitón experimentaron subas, mentres que o porco cebado se mantén sen cambios. Rexistráronse subas no mercado do ovo e o coello continúa sen variacións.

En canto ós prezos da recría, nos tenreiros frisóns só os animais de máis de 50 días conseguiron unha suba das cotizacións, en 20 euros, de xeito que se sitúan nos 135 euros. Mentres, os animais de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia, rexistraron unha baixada dun euro. Nos exemplares máis novos, os de menos de 20 días, tamén se produciu un recorte dos prezos, en 3 euros, e pasan a cotizarse a 92 euros.

Na recría de cruces industriais a tendencia foi á alza. Os animais de menos de 20 días lograron unha suba de 40 euros e acadan os 277 euros. Nas becerras a suba foi de 25 euros e sitúanse nos 213 euros. Nos exemplares de entre 20 e 50 días produciuse un aumento de 7 euros nos machos e atópanse cun prezo medio de 291 euros. As femias desta sección foron a única excepción, cunha baixada de 4 euros quedan en 218 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días houbo un incremento de 22 euros nos machos e de 17 nas femias, de xeito que se cotizan a 395 e 279 euros respectivamente.

Os becerros carniceiros tamén conseguiron unha leve recuperación dos prezos este martes. Os animais de cruzamentos industriais fixaron un prezo medio de 841 euros, logo dunha suba de 190 euros. Nas femias o aumento foi de 6 euros e sitúanse nos 716 euros. Nos exemplares de Rubia Galega produciuse unha suba de 208 euros, de xeito que acadan os 992 euros. As femias foron unha das excepcións da categoría, ó recortar 35 euros quedan en 772 euros. Tamén os becerros frisóns cotizaron á baixa. Cunha redución de 211 euros, o prezo medio sitúase en 438 euros. A única femia frisoa vendida na xornada fixou un prezo medio de 477 euros. Nos exemplares co selo Ternera Gallega Suprema houbo unha suba de 200 euros e logran os 923 euros.

No vacún maior, á marxe do prezo histórico por un boi, tamén se acadou o maior volume de transaccións e o récord absoluto no prezo medio ó chegar ós 1.332,58 euros. Por categorías, as vacas extra conseguiron os 2.022 euros, logo dunha suba de 95 euros. Nos animais de primeira o prezo medio situouse nos 1.156 euros, despois un aumento de 51 euros. As vacas de segunda sumaron 2 euros e quedan en 729 euros, mentres que os animais de desfeito cotízanse a 471 euros, ó experimentar un aumento de 13 euros. Os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, conseguiron un prezo medio de 2.291 euros, tras un incremento de 1.198 euros con respecto da semana pasada.

Central Agropecuaria VAcuno 16_11_2021

Subas nos leitóns e no ovo

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron manter as cotizacións do porco cebado sen cambios e fixaron subas nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle están entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Os leitóns experimentaron unha suba de 3 euros. Os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 29 euros (cun prezo de 1,45 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 24 euros e teñen un prezo por quilo de 1,2 euros.

No mercado do ovo tamén houbo subas. Os ovos da XL experimentaron un aumento do prezo de 0,02 euros e están agora a 1,67 euros a ducia. O resto de categorías conseguiron un incremento de 0,03 euros de tal xeito que os ovos da L teñen un prezo de 1,36 euros a ducia, os da M están 1,18 euros e os da S páganse a 0,97 euros a ducia. As galiñas tamén conseguiron un mínimo aumento de 0,01 euros e cotízanse entre os 0,19 e os 0,26 euros por quilo.

O coello mantense sen cambios e atópase a un prezo de 2,25 euros o quilo na lonxa de Madrid.
Central Agropecuaria Porcino 16_11_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información