SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo) volveu conquistar o Concurso Autonómico da Raza Frisoa de Galicia. Faino por sétima vez consecutiva e catro delas co animal Rey 814 Beemer Yuri. É xa una das ganderías galegas máis coñecidas nos certames e un dos seus propietarios, Alberto Iglesia, cóntanos nesta entrevista como viviu o certame celebrado durante o fin de semana en Santa Comba (A Coruña).
– Que valoración facedes da participación nesta edición do certame autonómico de Santa Comba?
A nivel de granxa espectacular. Conseguimos gañar os campionatos de xata e xovenca, ademais da gran final; os de vaca nova e vaca adulta, e a gran final, ademais de conseguir ser nomeados mellores criadores de xovencas e de vacas. Creo que pouco máis se pode pedir.
– É unha vaca xa con experiencia neste tipo de certames, por que consegue tantos galardóns?
É unha vaca que presenta unhas dimensións que se buscan hoxe en día nos animais. Non é excesivamente grande, pero ao mesmo tempo é alta e longa, con moita calidade e moi ben unida en todas as súas partes.
– Que destacas da xata e xovenca que gañaron hoxe?
A xata campioa xa a levamos ao concurso de Italia a principios de decembro, xa quedou segunda na súa categoría e foi un gran resultado para as tenreiras de España. A xovenca xa foi xata subcampioa o pasado ano en Muimenta e hoxe lucía espectacular. Creo que iso foi o que fixo que gañase.
– Con cantos animais participastes nesta edición?
Hoxe participamos con 10 becerras e 3 vacas. Por iso que con estes animais recoller tantos premios é un gran logro.
– Desde cando participades en concursos morfolóxicos?
Levamos desde 2004. Empezamos porque eu soñaba con gañar o concurso de Muimenta. Conseguino e dende entón levo sete anos consecutivos gañando os autonómicos.
– Que vos achega participar neste tipo de certames?
Eu creo que estes resultados dan unha grande imaxe de como traballas na granxa e da que preparación teñen estes animais de concurso. Chegar a gañar sete veces un certame é complicado, require moito nivel na gandería.
– Como é o manexo dos animais que traedes a concurso na vosa granxa?
Esta vaca leva apartada desde que pariu de primeiro parto, sempre preparándose para isto. Sempre buscamos que estea na mellor forma, ademais de que siga producindo.
– Hai moito mimo para estes animais?
Pasamos xuntos moitas horas durante a preparación destes concursos e iso fai que teñamos unha relación especial.
– Cales son os seguintes obxectivos?
O seguinte obxectivo a curto prazo é participar no concurso de Muimenta, non sei se cos mesmos animais, pero alí estaremos.