Sistemas de protección do gando fronte ao lobo

O MAGRAMA publica unha guía para previr os ataques da fauna salvaxe. Porén, bótase en falta unha ficha sobre os danos do xabarín e sobre a defensa do gando equino fronte ao ataque do lobo, motivos crecentes de preocupación en Galicia.

Sistemas de protección do gando fronte ao lobo

Ovella morta nun ataque do lobo.

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente publicou na súa páxina de Internet un catálogo de boas prácticas con medidas para reducir as interaccións de especies de fauna silvestre protexida no sector agrario e gandeiro.

Segundo o Ministerio, a iniciativa pretende “facer compatibles” as necesidades de protección das especies coa xestión das explotacións agrícolas e gandeiras.

O Catálogo é froito do compromiso co acordo para a cobertura dos danos por fauna silvestre no marco do seguro agrario que foi asinado polas comunidades autónomas en 2011 e que incluía a realización de estudos para desenvolver medidas preventivas.

O catálogo contén un total de sete fichas. No caso concreto de Galicia o máis interesante son as dedicadas ao lobo e aos seus ataques a explotacións de vacún, ovino e caprino.

Bótase en falta unha ficha sobre os danos do xabarín e sobre a defensa do gando equino fronte ao ataque do lobo

Neste sentido, bótase en falta fichas dedicas ás medidas de protección do gando equino fronte aos ataques do lobo, así como medidas para evitar os danos do corzo nos viñedos. Igualmente, hai que lamentar que o MAGRAMA non inclúa neste catálogo os danos provocados polo xabarín, cuxos estragos en Galicia, tanto en pasteiros, como en plantacións de millo e de horta, son un motivo de preocupación crecente entre os agricultores e gandeiros.

Tamén se inclúen as referencias científicas nas que se basean as medidas propostas. As fichas actualizaránse progresivamente e o catálogo irase ampliando con novas interaccións e especies. Pódese consultar na web www.magrama.es e no enlace http://bit.ly/1yKR4we.

Centrarémonos nos ataques do lobo ao gando ovino, caprino e vacún en extensivo, o tipo de problemática máis común en Galicia. Segundo os expertos, os ataques concéntranse especialmente nos meses que van de novembro a xaneiro.

Protección de ovellas e cabras fronte ao ataque do lobo

Para o gando ovino e caprino os expertos recomendan un sistema de valado electrificado nocturno permanente, para previr os ataques do lobo, así como a utilización de mastíns.

En canto ao primeiro sistema, consiste en engadir ao propio curro ou valado presente na explotación de forma habitual unha protección suplementaria, consistente na colocación dun valado de cables electrificados ou malla electrificada ao redor do anterior, como se describe a continuación:

proteccion_ataque_lobo_01_standarE para iso propoñen dous métodos: valado con cable ou valado con malla. 

En canto ao primeiro, trátase dun cable de arame de aproximadamente 2 mm. de diámetro. Neste método, colócase un valado (de altura 1.80 a 2 metros) formada por entre 6 e 8 cables, suxeitados con postes. Os cables débense colocar mais xuntos preto do chan; cunha separación de menor a maior desde o primeiro (o máis próximo ao chan) ata o último. A súa gran vantaxe é a gran durabilidade no tempo.

vallado_ataque_lobo_01_standar

Respecto ao valado con malla de cor rechamante -laranxa, vermello..etc-, as medidas da luz da malla deben ser de 50×100 mm. aproximadamente. Neste método colócase unha malla de altura 1.80 a 2 metros, con postes de subxección incorporados á mesma. As súas vantaxes son a facilidade de manexo e a mobilidade dos elementos.

malla_ataque_lobo_01_standar

En ambos casos a electrificación obtense utilizando un enerxizador con batería
recargada con panel fotovoltaico cunha voltaxe de saída media de 9,2 kV.

O custo estimado de calquera dos dous métodos é de 850 euros para unha
explotación media.

Utilización de mastíns

Este método consiste no emprego de cans de garda do rabaño, da raza mastín español, que acompañan ao rabaño de gando permanentemente, garantindo unha protección do mesmo ante posibles predacións de lobos. Os cans distribúense entre os animais do rabaño para protexer adecuadamente a todo o rabaño.

O número de cans a empregar debe ser proporcional ao número de ovellas; unha estimación aproximada pode ser de dous mastíns por cada cen ovellas.

Aos mastíns débeselles colocar un colar denominado de carlancas (ou
carrancas), que ao ter púas de ferro sérvelle de protección fronte a mordeduras no pescozo.

Outra recomendación é que os cans han de ser adestrados desde cadeliños para os labores de garda do gando, sendo importante para iso que se críen xunto coas ovellas a partir dos dous meses de idade. Ademais, é importante unha correcta selección dos animais empregados.

O custo aproximado é de 300 euros/ano, aos cales deben engadirse ao redor de 500 euros para a compra do mastín.

Podes descargar aquí o informe completo sobre as medidas de protección do gando caprino e ovino fronte ao lobo. 

Protección do gando vacún fronte ao ataque do lobo

Para o gando vacún en extensivo o sistema proposto polo MAGRAMA é máis complexo, diferenciándose en función de se son becerros, xovencas ou vacas adultas e combinando unha serie de medidas de protección nun peche perimetral que inclúe: pastor eléctrico, sistemas de portas de acceso selectivas e infraestruturas interiores.

Podes descargar aquí o informe sobre as medidas de protección do gando vacún fronte ao lobo. 

Una idea sobre “Sistemas de protección do gando fronte ao lobo

  1. Joan Alibés Biosca

    É lamentable que os únicos documentos aportados polo MAGRAMA sexan estas fichas básicas, sen referencias bibliográficas (claro, porqué non as hai) e de información tan limitada.
    Un problema coma este require de I+D, require de vontade, non de pasar de lado.
    A situación é o suficientemente complexa, tendo en conta os intereses confrontados, a diversidade de colectivos que implica e a dificultade de diálogo entre todos eles, como para lanzar unhas sinxelas recomendacións.
    Esperemos poder aportar algo máis de luz sobre este tema nas vindeiras datas…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información